Achegamento a Maruxa Seoane

Coa mostra “ MARUXA. Achegamento a Mª Elvira Ferández López”, a Fundación Luis Seoane rende merecida homenaxe á que foi moito máis que esposa e musa de Luis Seoane, foi a compañeira entregada á mesma causa que o seu home: Galicia. 

Organizada con fervorosa dedicación polo pintor coruñés e profesor de audiovisual da Universidade de Vigo, Juan de la Colina,  trata de facer visible a sua importancia na traxectoria do noso pintor, co que colaborou activamente durante a súa vida preparándolle os lenzos, servíndolle de axente, e ata dándolle temas para cadros, como a serie de bodegóns, entre eles o dos porros ou o dos langostinos, quizais inspirados na afición de Maruxa pola cocina e mesmo nas súas receitas que chegou a publicar en “Galicia emigrante”. 

Pero o que sobre todo quere resaltar Juan de la Colina é o importantísimo papel  que tivo, despois da morte de Seoane en 1979, xa que conseguiu reunir todo o seu legado e traer para Galicia toda a súa obra, e logo  - o que aínda é maís admirable-  crear a Fundación que leva o seu nome. Maxura, nacida na Coruña en 1912 e finada en 2003, culminou así a  xenerosa traxectoria de Luis Seoane  con este centro que é hoxe un dos focos de cultura máis importante da Coruña. 

A exposición achéganos a aspectos inéditos da muller, pero sobre todo fai o retrato dunha entrega e dunha paixón: a de poñer en valor o talento artístico e a sensibilidade da nosa terra, deixándonos ver, de paso, unha época de fondo humanismo e de persoeiros irrepetibeis ( Cortázar, Dieste, Mújica Laínez, Isaac Díaz Pardo, entre tantos outros), coas cidades de Bós Aires e da Coruña sempre no foco: esa misteriosa liña de atlantismo que une dúas distantes orelas. Ela tivo alí o seu sobranceiro papel, xa de anfitriona, xa de comunicadora; tamén lle serviu de modelo a Seoane para retratos que figuran na mostra, entre os que destacaríamos varios debuxos a plumiña, sobre todo o que lle fixo en 1937, ao día seguinte da súa chegada a Bós Aires e un óleo de 1971 no que condensa toda a dozura desta extraordinaria muller. 

Hai moita documentación: cartas, libros, poemas...;pero sobre todo fotográfica que a recolle de xoven, na súa boda en San Jorge, participando en  varias homenaxes a Luis, e en 2001, no vello  edificio de Macanaz, sede hoxe  da Fundación; tamén aparece en fotos de  Xoán Piñón e de Xurxo Lobato; e son de sinalar as fotos de Xulio Villarino feitas na súa casa da Coruña, que leva a dedicatoria: “A Maruja Seoane, a muller máis dulce do mundo”; alí pódense ver os cadros que a acompañaron ata a morte e que hoxe compoñen un mural na exposición. En paralelo á mostra proxéctase o documental “MARUXA”, dirixido polo propio Paco de la Colina, no que busca combinar a veracidade cunha poética contemporánea e na que a voz de Maruxa é como unha cantiga do lonxe, un eco cheo de máxicas reverberacións. Un poema manuscrito de Xavier Seoane pon un merecido colofón a esta viaxe: “ Xa estás/ Maruxa/ navegando/ no lento fogo azul/ da eternidade”.

Achegamento a Maruxa Seoane

Te puede interesar