Boas persoas

Afirmar de alguén que é unha boa persoa é algo tan obvio que non precisa explicación. Todos, ou a inmensa maioría das persoas, sabemos o que quer dicir. Así o expresou. tamén o papa Francisco, unha expresión que ata agora sorprendería moito escoitala na boca de un Sumo Pontífice: “Non é necesario crer en Deus para ser boas persoas”. Sabendo, por outra parte, que con iso non se pretende afirmar que a crenza en Deus careza de importancia e de valor na vida dos seres humanos.
A relixión existiu dende a noite dos tempos, alá pola África profunda segundo os estudosos. Pero agora que vivimos nunha sociedade organizada e democrática, e presumimos de saber pensar, a crenza en Deus, unha opción libre das persoas, debería quedar para os sinxelos, os pobres e humildes, necesitados de apoio e consolo á diario. Así parece deducirse ollando as persoas que foron formadas e educadas en familias e colexios relixiosos, e que segundo avanzaban en idade vanse apartando das crenzas e das tradicións relixiosas. Certo é, tamén, que existen exemplos sobrados na historia, incluso de persoas ben importantes, que souberon conxugar os dous valores, ser relixiosos e boas persoas, sen encontrar contradición entre estas dúas opcións. A relixión en ningún caso debería ser imposta, nin por parte das Igrexas nin moito menos por parte dos poderes políticos, como ocorreu en España non hai tantos anos para desgraza de non poucas persoas.
Outro hábito a desterrar debería ser a crenza de que as persoas devotas e relixiosas son tamén exemplares socialmente nos seus comportamentos persoais. Os feitos demostran que non é así, como se pode comprobar aínda agora en casos que imos coñecendo a diario. Pero tampouco debería ser aceptable culpar sempre ás institucións relixiosas dos malos exemplos que poidan dar os seus membros ou fieis seguidores.
Vivimos en democracia e cada quen debe responder dos seus actos. Moitos foron arrastrados ao ateísmo por unha idea falsa de Deus, que máis parece un ídolo que un Deus Pai, acolledor dos pobres e dos desamparados. Outro tanto pasa co xeito de facer oración que parece que moitos non saben outro modo de facela máis que pedindo favores materiais.

Boas persoas

Te puede interesar