Sábado 23.03.2019

Dividir

Aquela famosa frase de “divide e vencerás”, que dixo non sei quen, parece ser que é o talismán utilizado hoxe na política, como o medio máis seguro para acadar o poder, só que cunha lixeira modificación: “Divídete e gañarás”. Iso é o que está a facer a dereita, segundo o que se pode entender tralos resultados das eleccións na Andalucía. E tan bo resultado lles dou, que a esquerda, aquí en Ferrol, seica está a copiar o sistema. Non sei se a táctica será boa, pero en todo caso, está demostrado que cada un é fillo da súa nai e que entendemos a política, a sociedade e o sistema de vida, cada un ao seu xeito. Seguramente os grandes filósofos e pensadores dirán que iso é bo, porque supón unha verdadeira liberdade de expresión e dos sentimentos de cada un, mais eu non o teño moi claro, pois se cada un vai ao seu, onde quedan os sentimentos de xustiza social e solidariedade? Coido que non é polo camiño do egoísmo e do resentimento polo que pode progresar a humanidade. Ou si?

Dividir
Comentarios