O Centenario ¿Racinguista ?

on podería dicir que me gustou a Exposición do centenario do vello Rácing, coa que colaborei aportando moitas fotografías da miña propiedade. Porque a emoción coa que acudín a presenciar esa homenaxe, mudouse en desgusto, ao comprobar que entre as moitas fotografías faltaba, precisamente, aquela na que figuraba o meu pai, fundador e xogador, formando parte daquel equipo ilustre, que foi nomeado como “os primeiros que vestiron de verde”. Non entendín a falta daquel testemuño que, debería ser considerado como o principio da historia racinguista, cando se asumiu o verde, como color, bandeira e sinal de identidade daquel modesto club. Se cadra, agora xa non se trata do Rácing, senón do “Club Ferrol SAD? Quizais aquela centenaria fotografía non daba unha boa imaxe, pola arcaica vestimenta daqueles homes e, por si fose pouco, cun dos xogadores, (meu pai) coa boina posta. ¡¡ Que horror!! Verdade?
Mais non é ese único detalle que provoca o meu desgusto, pois o feito de ser meu pai, fundador, xogador, entrenador , directivo e conserxe, (“utillero”, empregado para todo), facíame esperar, cando menos, unha sinxela lembranza para unha persoa cunha dedicación  que ninguén máis pode acreditar. Por se non abondaba, a miña nai, encargábase de lavar e pasar o ferro aos distintos equipamentos, empregando entre os dous máis de 50 anos ao servizo dese Club, cobrando pouco e... non sempre!
Coido que había motivos dabondo para a lembranza da familia Varela, aínda sen ter en conta que fun o primeiro que escribiu un libro sobre “El viejo Rácing”. Nin tampouco importa o meu traballo como “Utillero” (desde os meus doce aos dezaseis años) substituíndo ao meu pai, cando caeu gravemente enfermo, pois o Rácing non podía pagar a dous. Eu sei moi ben que, a xente humilde, non somos nada decorativos, malia todo, ninguén me poderá quitar o orgullo de ser o “utilero” máis novo de toda a historia do fútbol. ¡E aquel traballo era moito máis difícil que o actual!
De todos xeitos, o que non podía supoñer foi, o tremendo desprezo que supón, eliminar de esa “Exposición”, una fotografía que significa, nin máis nin menos, que o principio dunha lenda. Porque é como se “os primeiros” no existiran e, xa que logo, o  Rácing no existiría e meu pai tampouco, o que me afunde nunha grave crise de identidade cunha incómoda dúbida “existencial” porque, se cadra, tampouco existo eu? Ou sexa, que terei que recorrer a algún psicólogo para que me resolva este difícil problema.
Remato xa,  desexándolle moitos éxitos ao Club Ferrol SDA dos nosos amores , sen  resentimento, pois entendo que se poda considerar máis interesante lembrar ás altas personalidades, que facer un pequeno recordatorio daqueles homes sinxelos, verdadeiros “pioneiros do fútbol” que, ao parecer, non tiñan a talla suficiente para ser mentados nun momento tan especial.  O Rácing morreu! - Viva o Club Ferrol SAD!

O Centenario ¿Racinguista ?

Te puede interesar