Imprimir

ZECHARIES & SIMÓN GARCÍA

Xoán Rubia | xoán rubia

Xoán Rubia | 31 de mayo de 2015

O pasado mércores fun dar unha volta polo Conservatorio

O pasado mércores fun dar unha volta polo Conservatorio Superior de Música de A Coruña. Non fora ao Conservatorio dende hai moito tempo, de cando estaba en Catro Camiños, no edificio onde ficaban tamén os estudios de Radio Nacional e noutro piso a sede do sindicato CCOO. Xa choveu dende cando eu ía a examinarme de solfexo e piano e onde máis tarde iniciara estudos de canto coa inesquecible Mª Luísa Nache. Aquel conservatorio, que dirixía Rogelio Groba, era vetusto e alí mesturábanse alumnos de primeiro de solfexo con xente que estaba rematando a carreira. O actual Conservatorio éche fisicamente outra cousa respecto daquel que eu recordaba. Conta cunha pequena sala de audicións, en comparanza co tamaño do edificio, á que me dirixín porque nela ía ter lugar un concerto de contrabaixo e piano a cargo do contrabaixista Diego Zecharies e do pianista Jorge Geno. Pero a miña incursión po alí non era tanto por escoitar a estes dous intérpretes , que tamén, e si por ouvir dúas pezas compostas polo meu amigo Simón García, un novo talento neste , as veces, envurullado pero marabilloso mundo da música. Coñezo dende hai tempo a Simón García e axiña souben da súa calidade como intérprete, pero  descoñecía a capacidade compositiva que atesoura, cousa que comprobei cando Zecharies comezou a interpretación da primeira peza dedicada á memoria de Frantisek Posta “ The Transience of life ...” onde os matices harmónicos e os pousados fraseos  daban paso a momentos álxidos de complicada estrutura e xa que logo de difícil interpretación. A outra peza de Simón, “Concertino”  escrita para catro contrabaixos ( tres substituídos polo piano de Jorge Geno) posúe a madurez  dun autor mergullado en anos de experiencia malia corresponder a un músico que aínda lle quedan moitas etapas por cubrir e que, de seguir por este camiño, seguro vai proporcionar ao mundo da música en xeral e do contrabaixo en particular importantes achegas. Quedei gratamente sorprendido do traballo creativo do meu amigo, daquel rapaz que outrora me acompañaba co contrabaixo e co baixo eléctrico nalgunhas incursión miñas  apuntando xa  grandes maneiras. E descubro arestora a Simón García como compositor, e ollo que non estou a falar de  cousa  nimia pois creo estar diante de alguén que, se non se torcen as cousas, pode entrar no reducido grupo dos grandes  contrabaixistas  e compositores de obras para un aparello  considerado ata hai ben pouco coma un mero instrumento de acompañamento. O mércores pasado nas mans de Diego Zecharies e nas partituras de Simón García, de Frank Potro, de David Anderson e de Astor Piazzola, o contrabaixo acadou a categoría de instrumento con capacidade de falar por si solo, na mesma liña de aceptación que os violonchelos, violas ou violíns. Comenteino con Zecharies logo de felicitalo pola súa actuación e por descubrirme un  novo discurso do contrabaixo . Tamén cumprimentei  a Simón pola calidade das composicións que remataba de escoitar.  El díxome que moita culpa diso a ten a calidade do intérprete, pero non cabe dúbida que un grande do contrabaixo como Zecharies non se mete a tocar calquera cousa. “Concertino nº1” de Simón García ao lado de “Le grand Tango” de Astor Piazzola. Ver para crer. Simón García parte estes días para EEUU (Colorado) onde seguro vai deixar moi alto o pavillón da música, da fala universal por antonomasia, a linguaxe na que toda a humanidade se entende, e o seu contrabaixo vai falar con ese rexistro grave e tonalidade envolvente de terciopelo quizais tamén con certo acento galego... dende Mugardos para o mundo. Sorte amigo e que os fados sexan propicios.

 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /opinion/xoan-rubia/zecharies-simon-garcia/20150531012400125042.html


© 2020 Diario de Ferrol