Imprimir

O recado do oráculo

Xosé Castro Ratón |

Xosé Castro Ratón | 18 de abril de 2020

Oráculo, na antigüidade da civilización grega, foi unha palabra de usos múltiples para, entre outros significados, designar as revelacións dos deuses á especie animal de humanos considerada como persoas racionais; tamén verba para identificar o lugar onde este acontecemento extraordinario era producido e, aínda máis, para quen tiña a función técnica de realizar esa máxica labor como interprete do código no que, os entes divinos, trasladaban a interesada mensaxe. Sen pescudar moito na verdade do relato histórico contado, con certa evidencia sabemos que nalgún dos míticos lugares deste suceso milagreiro o tal oráculo colocábase sobre unha fonte de gases tóxicos, substancia alucinatoria que debería condicionar radicalmente o seu estado á hora de radiar o contido da misiva revelada. Constatación para deducir que o seu papel recadeiro daba agrado ao interese de quen procuraba proveito do  labor destes mensaxeiros do agoiro programado.

Unha cita memorábel dinos que a historia repítese, primeiro como traxedia e logo como miserábel farsa.  Certo é que, coa reviravolta dos tempos, algunhas figuras vense reconvertidas nun diferente  papel  para cada momento cronolóxico.  Por iso, nos dicionarios das linguas modernas a palabra oráculo é vocábulo que fala da persoa que mediante determinados procedementos aventura o futuro ou dá resposta a casos da vida diaria; un xuízo que é aceptado por atribuír á fonte emisora, entidade ou individuo, unha grande sabedoría. Semella que, nos tempos de incerteza, é de máxima necesidade botar man da bola de cristal aínda sabendo que no é críbel.

Velaí o rol do Fondo Monetario Internacional, experto en equivocarse unha vez e outra máis, porén coa misión de crear estados de opinión pública na liña de facilitar políticas económicas e sociais nunha dirección sempre idéntica: Favorecer o negocio tradicional do sistema capitalista de acumulación de riqueza privada. Medo inoculado á xente que relacionan coa previsión da alteración negativa no Produto Interior Bruto, icona sacrosanta do seu indicador de cabeceira, índice finito, agora asociado á evocación das grandes depresións que soportou o mundo occidental na última centuria. Porén, as receitas que se propoñen dende esa institución non son as únicas que poden empregarse para elaborar o menú de fórmulas de saída á crise da pandemia soportada pola cidadanía planetaria. Existen camiños alternativos, procesos socialmente máis xustos no respecto á igualdade ou ao equilibrio ambiental. Tempo para escoller as propostas da “economía da rosquilla”. Romper co actual modelo de consumo.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /opinion/xose-castro-raton/o-recado-do-oraculo/20200417212200279413.html


© 2020 Diario de Ferrol