Imprimir

Medulio, catro décadas normalizando a cultura galega

X. GÓMEZ FERROL | 16 de septiembre de 2019

Elia Rico, presidenta de Medulio, cun dos cadernos editados pola sociedade cultural | jorge meis
Elia Rico, presidenta de Medulio, cun dos cadernos editados pola sociedade cultural | jorge meis
En 1979, arredor do Día das Letras Galegas, fundábase en Ferrol a sociedade cultural Medulio, unha das entidades que máis pulou pola normalización da cultura galega e, no concreto, polo recoñecemento da figura de Ricardo Carvalho Calero. 

Ás veces, o camiño que percorren as organizacións, sexa cal sexa o seu carácter, é inconcluso, non remata nunca, porque os obxectivos cos que nacen se establecen a moi longo prazo. Medulio é, neste sentido, paradigmática. O feito de pular, desde a súa fundación mesma, pola “normalización” e “desmarxinalización” da cultura galega obriga a fixarse novas metas indefinidamente. 

“Os obxectivos cos que nacemos seguen totalmente vivos na actualidade”, explica a súa actual presidenta, Elia Rico. “Reivindicamos o país en toda a súa amplitude –patrimonio, cultura, lingua etc–, pórmos en valor o que representa Galiza como nación e os nosos referentes culturais e políticos”. 

Aínda que este obxectivo foi prioritario e a moi longo prazo, a actividade de Medulio viviu diferentes etapas. Nun primeiro momento, explica a súa presidenta, o seu labor centrouse na recuperación “das nosas festas tradicionais, como o magosto, o Entroido ou o Samaín, coa finalidade de devolverlle o carácter popular que por razóns políticas fora perdendo”. Hoxe, estas celebracións están na programación de institucións, centros educativos, entidades veciñais e culturais, mais naquela altura –anos 70– eran pouco menos que residuais. “Si creo que, nese momento”, subliña Rico, “Medulio veu cubrir un oco de reivindicación e posta en valor do noso, da nosa autoestima tamén”, en sintonía, en moitos aspectos, como recoñece a presidenta, con outras entidadades históricas como o Ateneo Ferrolán. Durante a súa traxectoria, a sociedade cultural Medulio tendeu pontes con outras entidades. O Ateneo é unha delas, mais non  a única. E tamén coas institucións, como a organización dos premios Carvalho Calero de creación literaria e ensaio xunto co Concello de Ferrol desde os anos 90. 

Xornadas sobre a Historia de Galicia, arredor de persoeiros relevantes da súa cultura –as últimas, este mesmo ano, dedicadas ao historiador Benito Vicetto–; representacións teatrais, produtos musicais –o máis recente, o cedé “Pondaliana”, coa colaboración de mestres do Conservatorio de Ferrol– e, tamén, temática máis económica, con xornadas sobre o modelo de financiamento ou a xestión do monte galego son algunhas das propostas que alumeou Medulio na súa historia.

Para o curso que comeza, prepara unha programación que terá na cerna a Carvalho Calero, a quen se lle dedicará o Día das Letras de 2020. “Somos conscientes de que a meirande parte do tecido asociativo e das institucións están envorcadas neste fito, e nós, como entidade que defendeu a súa importancia xa en vida, non imos ficar fóra”.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/ferrol/medulio-catro-decadas-normalizando-cultura-galega/20190915204901264775.html


© 2020 Diario de Ferrol