Imprimir

Adeus, san Lourenzo

Xosé Manuel Pazo | xosé manuel pazo

Xosé Manuel Pazo | 13 de agosto de 2019

san Lourenzo vaise entre fogos de máxicas colores a rachar o ceo. Vendaval de luces reflectidas na ría, abrindo mil camiños no escuro horizonte.  Estoupidos mesturados co ladrido de cans e o rechío de gaivotas  a competir na noite... 
O san Lourenzo marcha entre o balbordo do xentío na ribeira e o acougo de lanchas e botes en Tupide. Entre o fume que o noroeste empuxa cara o San Bartolo e o retrouso do coro  de voces  que afoga a súa soidade con gin tonic. Vaise... e  os namorados, na Rapadoira, procuran o setestrelo.
Arrimado á cancela, a medio abrir, contemplo  o espectáculo desde o Mañente que aloumiña lembranzas e ausencias.  E navego na saudade de voces, de risos, de afagos...  que acompaña o silencio no que, paseniño,  se mergulla a noite. 
Entre as liñas dun  pentagrama cuberto de silencios de corcheas, fusas e semifusas lisca o tempo. Unha... dúas... badaladas. Pecho a cancela. 
Puede ver este artículo en la siguitente dirección /opinion/xose-manuel-pazo/adeus-san-lourenzo/20190812233038262577.html


© 2020 Diario de Ferrol