Sábese que Alfonso Piñón gravou arredor de 300 bobinas, mais, lembra Manolo González, só se conserva menos dun terzo.
Cada bobina duraba un minuto e medio, así que para proxectalas tiña que xuntar varias nun rollo para facer outra de 12 minutos, o máximo que permitía o sistema Pathé Baby. Eses rollos non se conservan. Que veriamos? Eses momentos felices no alto do Monteventoso, de Breamo, unha excursión á Espenuca... E a moitas desas persoas que van ser varridas na Guerra Civil, como Quintanilla, García Niebla, Matías Usero... Veriamos a Pepe Dopico tocando o acordeón e á xente bailando ao abeiro dunha carballeira ou dun souto. Aparentemente non é nada, pero é moito porque nos dá unha imaxe de Galicia distinta da que vemos habitualmente no cinema da época, onde o foco se pon nos campesiños, nas tarefas do campo. Aquí a xente que aparece vai ben vestida, de domingo, elegante; é das capas intelectuais da sociedade, unha Galicia culta, homologable a calquera outra. Esas case dúas horas e media que si conservamos transmiten unha imaxe de Galicia que non é a habitual.
Na última parte da súa vida, Alfonso, que quedara viúvo, regresou de Cuba e foi vivir a Madrid cunha tía. Hai que ter en conta que un home de 75 anos na década dos 60 e 70 era unha persoa moi maior. Cando morreu, alguén puxo en venda todo ese material, onde tamén había un feixe de cartas das fillas e dos netos, fotografías, artigos... El fixera cando menos seis proxeccións en Ferrol e A Coruña, pegando as bobinas para facer unha película máis longa. Coido que o máis interesante debe de estar nesas bobinas. Non sabemos que foi delas. Nos propios papeis de Alfonso que se conservaron, dise: “Regalada”, pero non a quen. Ao mellor hai hoxe en Ferrol persoas que teñen unha. Ese material precisa dun proxector de Pathé Baby e ese soporte desapareceu nos 60.
Si, e aínda non está ben dimensionada a riqueza dese mundiño intelectual dos anos 20 e 30. Eles sempre proclamaban a beleza natural desta zona e coido que esta zona está en débeda con Piñón, que non só andaba polos montes, senón que promoveu homenaxes ao Toxos, ao gaiteiro Manuel Lorenzo, promoveu o Monumento ao camiñante descoñecido en Barallobre e Brión como Monte dos Poetas. Era un activista do camiñar, un apaixoado e un pioneiro.
Debeu de coller moito medo porque deixou escrito nos xornais a súa admiración por todas as persoas que estaban sendo perseguidas e represaliadas: Matías Usero, Quintanilla... Deles non deixou máis que frases admirativas. Quen o salvou debeu de ser o seu irmán, Antonio, que era un empresario que vendía á Armada a través de Manufacturas Piñón... El buscoulle un acubillo en Vigo, onde a xente non o coñecía, para que puidera tirar para adiante. Pero non só lle pasou a el; tamén a Bello Piñeiro, que non volveu ser o mesmo; Imeldo Corral, Vicente Díaz... Pasoulles a case todos. Esas datas mudaron profundamente o xeito de vivir e de pensar e mesmo de sentir o que podía ser un futuro e a esperanza nel.