Cando funciona, funciona moi ben pero non acontece sempre así sobre todo nos instantes previos a unha consulta, ben en especialidades ou mesmo no médico de cabeceira no Centro de Saúde. Certo que a demanda é moita, pero os encargados que xestionan estas cousas non parecen poñer moito interese da súa parte.
Para acudir ao médico de cabeceira un debe soliciar cita previa que pode demorarse ata unha semana, cousa que semella un despropósito. Pois se isto está así nos Centros de Saúde a cousa dispárase moito máis cando un ten que visitar a un especialista. Voulles contar un caso que teño moi próximo e que ten que ver con Muface ( Mútua de Funcionarios Civís do Estado e entidade pública tamén) que nisto dos desfases semella estar xa á altura do Sergas. O especialista recepciona ao paciente logo de case dous meses de espera e decide pedir unha proba de resonancia que se fai á semana seguinte á consulta.
Cando o usuario chama ( o pasado xoves 19 de agosto ) para pedir cita e entregar a proba, resulta que lle informan que o mais cedo que lle poden ofrecer é o 29 de decembro. Creo que sobran máis comentarios.
Todo apunta, cousa que xa se vía vir dende hai tempo, a un consciente e paulatino deterioro da Sanidade Pública hoxe aconchegada a entidades privadas , praxes fundamental dese neoliberalismo no que pouco a pouco nos están metendo sen presa pero sen pausa. É o modelo estadounidense no que aquel que ten diñeiro suficiente paga é aténdeno e aquel que carece de medios pois ...que lle dean. A iso estamos chegando, sen poñer remedio a este desmantelamento sistemático dun dereito constitucional ben definido na nosa Carta Magna xunto a outros que tampouco se cumpren.
Nun estado de dereito e democrático, é a Política a que pode solucionar estes problemas poñendo os medios e a decisión necesaria para solventalos. Na pasada campaña electoral pouco escoitei ao respecto e iso é un mal síntoma. Hai cousas que caen de caixón e que son de sentido común. Por exemplo: a máis demanda, máis dotación de persoal. Si, xa sei que isto depende dos recursos pero hai cousas que deberan ter priodidade, ¿non si? E una vez dotado o persoal que cumpra o seu horario regulamentado e dentro del, dedicación absoluta. Se nun hospital os celadores , enfermeiros/as e persoal administrativo comezan a traballar dende as oito ata as 15, os médicos e especialistas tamén. Pero todas estas cousas que poderían tomarse como normais nunha empresa normal quedan relegadas diante doutros intereses que van moito máis aló do puro exercicio sanitario.
É un problema enquistado de compricada resposta. O goberno ( de progreso) que solucione este desatino bo desatinador será. ¿Verano os nosos netos? A saber.