Esta é a madrugada que eu esperava
O dia inicial inteiro e limpo
Onde emergimos da noite e do silêncio
E livres habitamos a substância do tempo
Á grandísima Sophia de Mello Breyner Andresen abondáronlle catro versos, os que abren esta columna, para transmitir de xeito excepcional o que para ela supuxo o derrubamento da autoritaria e case eterna ditadura do Estado Novo, que rexiu a vida portuguesa entre 1933 e 1974, a máis lonxeva das ditaduras na Europa occidental no século XX.
Ese sentimento de saírmos da noite, do silencio, e de entrarmos nun vivir máis limpo e máis libre, reflicte tal cal o que sentín o día en que acordei coa boa nova da morte do tamén duradeiro e sanguinario ditador chamado Francisco Franco. Como non son poeta non puiden expresalo en versos, mais si sentir unha felicidade que non se esquece.
O poema, que Sophia de Mello titulou “25 de Abril”, apareceu no seu libro O nome das coisas, publicado en 1977. Entusiásmame esa composición –como moito da obra que coñezo da escritora portuense– desde que a lin por vez primeira hai ben anos.
Antonte non puiden estar en Portugal, como tería sido o meu desexo e fixen anos atrás. O último foi o 2023, cando puiden desfrutar dunha alegre madrugada e manifestarme polas rúas de Braga. Desa volta –como en tantas da miña vida– viaxei só e hai tres días tiña pensado facelo do mesmo xeito, que nunca lle tiven medo ningún á soidade. Mais o tratamento a que estou sometido nestas semanas botoume un chisco para atrás e fiquei pola zona que habito. Haberá máis anos.
O 25 de abril, en toda a súa amplitude, estivo e segue a estar moi presente nas diferentes expresións artísticas, nomeadamente na literatura. Manuel Alegre é un dos escritores que máis se ten ocupado do tema. Versos seus foron musicados e interpretados por un bo número de cantores e cantoras, tales como Adriano Correia de Oliveira, Luís Cília, o Padre Fanhais, Manuel Freire, Paulo de Carvalho, Carlos do Carmo... ou a mesma Amália Rodrigues.
“Abril de sim, Abril de não” titúlase este poema do libro Chegar aqui (1984): “Eu vi Abril por fora e Abril por dentro / vi o Abril que foi e Abril de agora / eu vi Abril em festa e Abril lamento / Abril como quem ri como quem chora. // Eu vi chorar Abril e Abril partir / vi o Abril de sim e Abril de não / Abril que já não é Abril por vir / e como tudo o mais contradição. // Vi o Abril que ganha e Abril que perde / Abril que foi Abril e o que não foi / eu vi Abril de ser e de não ser. // Abril de Abril vestido (Abril tão verde) / Abril de Abril despido (Abril que dói) / Abril já feito. E ainda por fazer”.
Manuel Alegre, que tamén foi unha destacada figura da política portuguesa, dá idea nestes versos da problemática de instaurar un sistema acorde cos principios revolucionarios de abril. Que acabou coa traizón e o recorte de expectativas que levaron o Chico Buarque a cantar: “Foi bonita a festa, pá / Fiquei contente / Ainda guardo renitente / Um velho cravo para mim // Já murcharam tua festa, pá / Mas certamente / Esqueceram uma semente / Nalgum canto de jardim”.