lll

Recibe cada mañana las últimas noticias. REGISTRARME

Recibe las noticias desde Telegram. ÚNETE

Vas conmigo ou con Putin

Atodos nos pasou. Fálolles desas broncas entre amistades tras a ruptura dunha parella ou semellante. “Estás con el ou comigo?”; “se quedas con esta eu non vou”, etc… Pode soar ñoño, a canción de Ella Baila Sola, pero en realidade a escolla de alianzas segundo as compañías é unha das forzas motores do mundo. Cantas veces escoitaron no Congreso iso de “se pactan con X olvídense de ter o noso apoio”? Pois iso.


A política internacional tamén é un pouco dese xeito. Leva a elixir bando, ás veces enfrontándose países que antes foron aliados. O mundo posterior á II Guerra Mundial fabricouse así, pero nas últimas décadas descompúxose bastante. E xurdiu unha palabra de uso común: multipolaridade, que ten unhas connotacións. Contra toda lóxica da Galicia de 2022, falouse dela en positivo no acto que o BNG realizou en Santiago polo 25 de Xullo.


Desde unha óptica progresista non parece moi normal lanzarlle avais a réximes totalitarios, imperialistas ou homófobos, pero todo parece posible cando aparece en escena a militancia da esquerda purísima, a ortodoxia fosilizada nos anos 80 do século pasado. E así, acabamos no disparatado lance de que unha formación que di aspirar ao necesario cambio político en Galicia, ao mesmo tempo celebra que China e Rusia sexan unha alternativa “multipolar” á Unión Europea á que pertencemos.


O caso é que para contentar a afiliados que acreditan nesas barrabasadas, o Bloque defendeu hai uns días en público ideas que horrorizan á moitísimos dos seus votantes, e á inmensa maioría dos que desexamos un goberno progresista na Xunta.


Poucas veces na convulsa historia da esquerda da esquerda viviuse un bochorno meirande que o destes meses tras a invasión de Ucraína. É complicado explicar a perplexidade que sentimos algúns ao ver xente que merecía certo respecto sostendo teorías da conspiración propias da ultra-dereita americana. Algúns xa viñamos queimados de antes, pero a convocatoria de manifestacións botándolle a culpa á OTAN (???) ou a comprensión cun acusado de crimes de guerra como Putin supera o admisible. Pode aplicarse o mesmo a eses intelectuais incapaces de condenar as masacres rusas e que prefiren seguir na comodidade da cursilada en clave “pacifista”. E non, “pacifistas” eran os americanos que se xogaban o tipo criticando ao seu país por ir a Vietnam, non os incapaces de mancharse ante nada que poida buscarlles unha crítica no seu circuliño.


É cuestión de compañías, tamén de liberdades, de defendelas malia que haxa xente no BNG incapaz de entender que en Rusia ou China serían rociados con polonio ou arrasados con tanques se se manifestaran a 150 metros dun Xefe de Estado, como eles puideron facer o 25 de Xullo en Compostela.


O que temos na Europa democrática é perfeccionable, pero moitísimo mellor que esas alternativas. Non o esquezan.

 

Vas conmigo ou con Putin

Te puede interesar