Aínda que non poida dicir, nin moito menos, que son fan de Bansky, certo é que se trata dunha personaxe do mundo da arte pola que sinto certo interese e simpatía desde hai máis ou menos unha década, cando estaba adquirindo popularidade xeneralizada. Ese éxito tivo, como non, os seus ecos en Ferrol. Lembremos cando, hai 5 anos, Eduardo Hermida e os organizadores das Meninas de Canido lle reservaron unha parede por se tiña a ben plasmar nela a súa interpretación do célebre cadro de Velázquez. Cando se fixo a oferta a parede ficou tan branca como estaba, mais un bo día de abril, varios meses despois, amaneceu cun grafiti, asinado por Bansky, no que se ve unha parella da garda civil bicándose, ao xeito dos policías británicos da obra “Kissing coopers”, que pintou, en 2004, no Prince Albert Pub de Brighton.
Ese interese, malia non ser extremado, como dixen, levoume o pasado luns ao Porto para ver a exposición “Bansky Genius or Vandal”, que, desde o 20 de abril ata o 4 de setembro, se pode contemplar no Centro de Congressos da Alfândega”, despois de tres anos rulando por diferentes capitais do mundo, entre elas Madrid ou Lisboa.
Debo dicir que paga moito a pena visitala. As instalacións onde se expoñen as obras -orixinais procedentes de colecciones privadas- son moi apropiadas para este tipo de exposición. Supoño que tamén para outras, mais non podo dicilo dado que foi a primeira vez que entrei nese edificio, que só coñecía de ter pasado por diante nalgunha ocasión, iso si, en coche. Nin que dicir ten, que, como nas ocasións anteriores en que se fixeron mostras da obra do popular artista, esta exposición non está autorizada por el, feito que ten moito que ver coa preservación do anonimato.
“Vandalismo ou luta pelos ideais mais elevados?”, pregúntase nun dos paneis de texto que acompañan os diferentes espazos nos que se expoñen as obras, despois de deixar patente que “um dos objetivos da nossa exposição é mostrar aos visitantes que Bansky não é apenas um artista de rua, mas também um artista contemporâneo sério e muito talentoso que trabalha tanto na rua quanto no seu estúdio. Todas as suas diversas obras de arte criam uma imgem coerente que permite apreciar a escala de um fenómeno cultural como Bansky”. A pregunta debe ser respondida por cada un de nós despois de facer o percorrido pola exposición.
Particularmente, concordo co que se pode ler noutro dos textos explicativos: “Quase todas as obras de Bansky são, na verdade, seu protesto contra alguns dos dogmas ou modos de vida que existem na sociedade”. Así como non gusto da estética sen ética, non sempre gusto de todas as obras éticas, desde logo non na mesma medida. E isto pásame coas realizacións de Bansky que vin desta volta no Porto, como con outras que teño visto en libros e na internet.
Na exposición pódense ver obras orixinais en diferentes formatos, instalacións, vídeos ou fotografías, un bo número delas, nos momentos da realización de obras, da autoría de Steve Lazarides. Atopamos obras ben coñecidas como “Pulp Fiction”, “Girl with Balloon”, “Love is in the Air” (ou “Flower Bomber”), “Girl with Umbrella”,”Christ with Shopping Bags”... Están presentes obras relativas á guerra, á pobreza, á vixilancia e a represión, ao medioambiente, ao racismo, á emigración a Europa...