Coincido case acotío con el paseando pola fachada marítima da nosa vila e falamos moitas veces das súas cousas, algunhas merecentes de formar parte dun relato novelesco. Don Xosé, que é como a min me gusta tratalo ( o de Cheíño queda para a familia e os máis achegados) supera xa os noventa anos e atesoura un bagaxe profesional digno de ter en conta. Por iso viviu, e digo viviu porque estas cousas teñen que se vivir e non deixalas para cando un xa non está, unha sinxela e como tal modesta homenaxe consistente na colocación dunha placa na parede do Club do Mar. Celebro que o presidente desta senlleira entidade da vila falara, entre outras cousas, de buscaren un lugar más axeitado para ela.
Hai sobrados motivos para esta homenaxe pois representa un recoñecemento a alguén que destacou na súa actividade profesional aportando achegas moi interesantes nas botaduras e na construció de buques de gran porte ( máis de 300.000 toneladas) na bancada inclinada nos estaleiros de Astano. Viñan enxeñeiros do Xapón a ver como fendíase o barco ( dábano por seguro) na botadura porque crían que se crebaría ao deslizarse pola grada dada a súa enorme envergadura. Don Xosé, xunto a súa equipa, augoulle a festa aos xaponeses.
Houbo quen preguntou o porqué desta homenaxe a don Xosé. Por ser enxeñeiro? Por ser capitán de fragata? Non por eses simples feitos, senón por como transcorreu o seu devir vital e profesional, e ninguén debe dubidar sobre o mérito dun neno nado en Mugardos no primeiro terzo do século XX no seo dunha familia moi modesta que chega a se facer enxeñeiro e destacar creando métodos innovadores no mundo da industria naval.
Tamén dirixiu a construción do primeiro gaseiro que se fixo en España, o “Laiettá” no ano 1967, un acontecemento na historia de Astano, un buque que espertou admiración pola súa avanzada tecnoloxía, parte da cal ( dobre casco que cos tanques resultaban catro, etc) débese a don Xosé Deus. Seino porque contoumo neses paseos matinais, e malia que a memoria aos 93 anos pode ter algunha lagoa, puiden saber que o relatado axústase á realidade.
Mugardos fará moi ben en destacar publicamente aos seus fillos e fillas sobranceiros. Pode que este entrañable recoñecemento a don Xosé Deus sexa o principio porque candidaturas habelas hainas. Se algunha vez se escribe un “Quen é quen en Mugardos” don Xosé Deus é un candidato seguro para figurar nesa lista de personaxes destacados da intrahistoria da nosa vila.