Ulises e Cunqueiro

Son dos que gusta visitar librarías e teño unha predilección polas de vello. Son feliz perdido entre libros e merco - como é previsible - máis do que son capaz de ler. Pero, tamén é un xeito de vivir, de entender a vida.


A semana pasada estiven na Libraría Pessoa, preto de Amboaxe. Cando saía, a vista fóiseme a un exemplar de Cunqueiro. Unha primeira edición das Mocedades de Ulises (Argos, 1960), que xa forma parte da miña biblioteca persoal. Non puiden evitalo.


O propio Cunqueiro di que este libro non é unha novela, senón máis ben parte de ensoños e asombros dunha longa aprendizaxe, o oficio dun mesmo. Recuperar Ítaca e a eterna nostalxia, así como a outra creación do mundo. Nisto foi sempre coherente Cunqueiro. Máis, para quen tivo que sobrevivir nos tempos convulsos da Guerra Civil e na longa noite da ditadura, como os seus amigos ferroláns Torrente Ballester e Ricardo Carvalho Calero, que compartiron militancia con el no Partido Galeguista.


Cunqueiro foi membro da Real Academia Galega en 1961 a proposta de Otero Pedrayo, García Sabell e de Carvalho Calero. Premio Nadal en 1968. E foi Gabriel García Márquez quen pedía para o primeiro o Premio Nobel de Literatura. Xuntos estiveron en Barcelona, onde o nobel colombiano reivindicaba a súa ascendencia galega. Dicía o Gabo que o realismo máxico da súa obra bebía das fontes de Álvaro Cunqueiro e doutros grandes da literatura feita en Galicia. 

Ulises e Cunqueiro

Te puede interesar