Ucrania

Por se fora pouco o que estamos a vivir co demo do Covid-19, agora a crise, cada día máis fonda, desatada en Ucrania, un país da Europa do leste moi similar ao noso en poboación con 44 millóns de habitantes e case 604.000 Km2 en extensión. Rusia ameazando a Europa e aos EEUU coa invasión e as tráxicas consecuencias que elo traería consigo. A meirande dende a segunda guerra mundial.


O noso goberno en virtude do seu tratado coa OTAN vese obrigado a enviar unha fragata á zona de operacións, seica, disque, en plan disuasorio, pero co perigo latente de verse metido nun conflito bélico.

Alá vai, rumbo ao Mar Negro a fragata Blas de Lezo (F-103), unha das máis modernas da Armada Española, con unha tripulación de 222 persoas. A xoia da coroa disposta a formar parte do operativo da OTAN no Mar Negro.


A nosa Armada está chea, ao longo da súa historia, de heroes, con vitorias e derrotas, moi honrosas, unhas e outras. En Lepanto a vitoria e a morte en Trafalgar, como di o himno da Escola Naval Militar.

O Tenente Xeneral Blas de Lezo (1689-1741) que dá nome á fragata é un exemplo do que estou a dicir. Morre aos 52 anos manco, torto e sen unha perna, todo elo debido a feridas en combate, resultado dunha vida de servizo adicado a Armada Española.


Outro doloroso exemplo é o desastre de Trafalgar, consecuencia das indecisións dun almirante francés, inepto, envexoso e sempre “acongojado” por un medo enfermizo ao seu emperador, ao Petit Cabrón, como lle chama Pérez Reverte. Trinta e tres barcos españois tripulados por homes de ferro en barcos de madeira, loitaron heroicamente ata a derrota final cun aterrador balance de vítimas, homes e barcos.

¡Loor e gloria aos heroes que morren pola súa patria!


O valor aos nosos militares, namentres non teñan ocasión de demostralo, se lles supón. Asi o establecen as Reais Ordenanzas. Eu teño a esperanza de que nestes intres, neste caso que estamos a vivir, non se presente esta ocasión, se elo ten que ser a costa dunha guerra. Aposto porque gañe o dialogo, a diplomacia e o sentido común. Deste xeito o teñen que entender os que, dende a comodidade dos seus despachos toman as decisións. Só teñen que pensar no elevado número de vítimas e as traxedias que poden provocar cos seus erros e coas súas arrogancias, uns e outros, e chegar a unha solución pacifica irrevogable.


A os nosos mariños e á súa Fragata, prego a Deus que os vexa ir, que os protexa en cada momento e, por riba de todo, que os vexa volver pronto, sans e salvos.


Amén, así sexa.

Ucrania

Te puede interesar