Ucraína: tan lonxe, tan cerca

Aos meus 45 anos a guerra que recordo máis preto de min foi a da antiga Iugoslavia, un conflito terrible no que quedaron ao ar as feblezas da Comunidade Económica Europea (CEE). Aprendeuse algo desde aquel conflito? Da para facer unha reflexión profunda de qué Europa queremos e a que estamos dispostos a renunciar.
 

Aquela guerra en calquera caso tivo efectos limitados no ámbito económico internacional e foi infinitamente menos perturbadora nos equilibrios xeopolíticos mundiais. Nestas horas toda unha xeración asiste por vez primeira, coa invasión de Ucraína, ao impacto dunha guerra en Europa na vida cotiá das persoas, na economía global e na economía persoal. O ataque inxustificable de Putin a un dos maiores países de Europa estámolo a notar, todos, cada vez que enchemos a cesta da compra, o depósito do coche, pagamos a factura da luz e do gas e mesmo subscribimos unha hipoteca. 
 

A Unión Europea, malia os problemas, segue a ser un oasis de paz e dereitos nun mundo convulso, mais o certo é que desde a Segunda Guerra Mundial nunca lle viramos tan de preto a faciana ao drama e ao terror. A invasión puxo de manifesto tamén outro asunto non menor: a dificultade dos estados-nación, de todos, para facerlle fronte aos efectos perversos e colaterais da contenda. Europa arrastraba xa, desde a pandemia, importantes tensións económicas a causa dos investimentos para paliar os efectos daquilo, mais a mobilización de recursos públicos, lonxe de conterse, segue a ser hoxe inxente, para atallar no posible o impacto das subas de prezos de moitos produtos, nomeadamente dos combustibles. Con todo, cómpre elevarse un pouco e mirar con atención ao redor para ver que somos e onde estamos. E para ver sobre todo que nos estamos a xogar. 
 

O órdago dos estados autoritarios non é só a Ucraína, senón a Occidente e aos nosos valores. No fondo, o que está en xogo é a mudanza da orde mundial, unha mudanza que nos deixaría nunha posición cando menos delicada. Desde hai case setenta anos a vella Europa é o referente no mundo en calidade de vida. Unha sociedade libre que conta con sistemas públicos cunha cobertura (sanitaria, educativa, social) como non existe nin existiu nunca en ningún lugar do mundo e en ningún momento da historia. 
 

Temos que asumir o esforzo de conservar o que temos e o que somos, pero seguramente non se poida conservar sen máis, sen facer nada, sen asumir cambios, e por qué non decilo querendo que outros se ocupen da seguridade mentras aquí miramos para outro lado. Ucraína, no mapa, semella estar lonxe, mais no día a día ben vemos o cerca que está, e vemos tamén que a pel de Europa non é de aceiro, e que non hai blindaxe que poida facer que unha sociedade permaneza allea aos problemas da súa contorna.
 

Si temos que perseverar en algo non é en pretender que a vida siga como se non pasara nada, senón en soster e apuntalar os valores que nos permitiron e nos permiten ser a sociedade que somos. 
 

Si ao primeiro revés, si á primeira molestia, levantamos as mans, estaremos a coller o camiño equivocado.

Ucraína: tan lonxe, tan cerca

Te puede interesar