Tradicións

Son dos que penso que hai que acatar as tradicións respectables porque non todas o son. Soe ser moi socorrido o dito ese de que hai que respectar isto ou aquilo por tradición, motivo que nos leva moitas veces a asumir como cousa cultural e própia da nosa identidade aquela que nada ten que ver coa cultura. Se fosemos capaces de rexeitar actitudes e comportamentos herdados, hoxe difíciles de asumir, outro galo nos cantara. Algunha tradición nosa, desas que si era bo conservar na súa pureza, foron deturpadas por outros con capacidade colonialista no que a cultura se refire e adaptadas ao seu sistema para despois seren exportadas polo mundo adiante como súas. O curioso de todo isto é que os que tíñamos dende hai séculos costumes própias, fomos adoptando as modificacións foráneas ata convertelas nun sucedáneo do que eran. Exemplo o do noso Samaín que rematamos de celebrar como “Halloween”. Quizá leváronlo aló os emigrantes Irlandeses ou escoceses xa que os EEUU apenas teñen tradición como tal: teríamos que recorrer aos apaches, siux, comanches e todos fican en reservas, illados, malia seren eles os verdadeiros “americanos”.
 

O da cabaza con vela dentro xa se facía por aquí moito antes do Halloween, e o do petitorio porta a porta das crianzas solocitando pan e doces tamén. Xa no século XVI o bispo de Mondoñedo Frei Antonio Guevara prohibira as crianzas iren polas portas pedindo pan e doces por ser esta unha tradición pagá que deturpaba en certa medida á relixiosa. Paréceme estupendo que se trate de recuperar o noso Samaín, aquel das cabazas alumeadas pola vela que nos puñan dentro dela coa que íamos metendo medo pola anoitecida no alborecer do mes de novembro. Pediamos tamén caramelos e abofé que o pasabamos máis que ben. Por suposto non podía faltar o colar de castañas, moi típico na indumentaria desta festa, que podía ter unha ou varias voltas pois as castañas non entraban aínda nas especulacións do mercado: moitas eran recolleitas dentro da súa punzante cuberta ao pé do castiñeiro. Se recuperaramos isto o mesmo estariamos preto do orixe desta festa na que os defuntos acadan un protagonismo especial xunto aos vivintes. Moitas representacións tradicionais, coma esta, son asepticas no sentido de que non fan dano a ninguén e está ben que as manteñamos, pero con todo hai outras que é mellor esquecelas sobre todo aquelas na que a barbárie do ser humano non só queda de manifesto senón que se erixe como principal argumento da tradición. Velaí por exemplo a chamada festa nacional, que fomos afastando paseniño, na que a morte e sofremento dun animal disfrázase cun argumento estético intentando confundir arte con barbárie. Pero diso o mesmo falamos outro día.

Tradicións

Te puede interesar