Atournèe de Consellos da Xunta por diversas cidades galegas agacha unha realidade ao alcance de calquera observador imparcial: Núñez Feijóo vai demitir nuns poucos días e Rueda habería formar un novo goberno con novas persoas, porque o modelo de hiperliderado personalista de Núñez Feijóo ten de deixar paso a un Goberno máis colectivo, integrador das diversas baronías e no que Rueda vai ser primus inter pares.
Velaí que para este modelo non valla a equipa actual, senón que precise dunha remuda para escoller persoas cun perfil moito máis político.. E se Rueda cede diante de Núñez Feijóo no desexo deste de repetir Goberno éste durará pouco, porque non lle vai encaixar nin ao novo Presidente nin aos dirixentes do PPdeG que o aceptaron como novo Presidente e candidato para as eleccións nacionais galegas de 2024, precisamente condicionado á remuda cara un liderado máis compartillado e integrador das baronías..
Un novo Goberno suporá tamén un reaxuste nas relacións coa oposición, cunha líder do BNG que vai tentar maximizar os seus níveis superiores de coñecemento cidadán a respecto do futuro presidente Rueda, mentres poderá mallar no argumento da súa falla de lexitimidade de exercicio. Porque, malia a plena lexitimidade de orixe da súa futura investidura parlamentaria, vai ser elixido por uns deputados xurdidos dunhas eleccións (as nacionais galegas de xullo de 2020) que se formularon en chave de ratificación da xestión persoal dun Núñez Feijóo que agacho as siglas do PP e prometeu un compromiso con Galicia que agora rachou.
Son tempos tamén de remuda no ámbito galego dunha esquerda española que está a se queimar aceleradamente no Goberno do Estado na xestión da crise inflacionaria. E agora, por se iso non fose abondo, coa realidade da presunta espionaxe ilegal do CNI a 65 cidadáns cataláns. Na Galicia a nova dirección do PSdeG e a contorna da vicepresidenta segunda do Goberno do Estado, Yolanda Díaz, manteñen relacións fluídas. Apostarán o PSdeG e Yolanda Díaz pola integración dos seus respectivos espazos no ámbito da política autonómica?
Son tempos nos que a sociedade galega precisa dunha axenda de noso que enfronte as reformas estruturais que precisa a nosa economía. E iso habería requirir grandes doses de diálogo e de consensos. Ese diálogo e eses consensos que Núñez Feijóo sempre impediu polo seu hiperliderado e polo seu dependentismo da axenda de Madrid.