Tempo de cambios

Un dos titulares que hai poucos días puidemos ler nas páxinas de deportes do noso Diario foi: “Víctor Francos: ‘Queremos un deporte libre de machismo’”. Vindo do presidente do Consello Superior de Deportes e tendo en conta o marco en que pronunciou esas palabras -unha conferencia internacional sobre igualdad de xénero no deporte-, a noticia non pode ser máis que gratificante, penso. A verdade é que xa ía sendo hora de comezar a falar ben en serio do tema a sabendas de que do dito ao feito vai un bo treito e hai que camiñar sen pausa. Paréceme que unha das cousas que é realmente urxente é a de termos claro que hai cousas que de ningunha das maneiras contribúen á igualdade de xénero. Nin no deporte, nin en ningún outro ámbito. Ao meu entender van contra a igualdade de xénero -ademais de contra unha elemental educación, contra o saber estar, contra o bo gusto...- escenas como as vividas no Stadium Australia de Sidney en agosto pasado, protagonizadas por un traxeado señor -certo que as apariencias enganan- que ocupaba o cargo de presidente da Federación Española. Velo agarrar coas dúas mans os seus órganos sexuais -se cadra dicindo para os seus adentros “que machos somos”, ou algo similar- resultoume tan vergoñento como patético. Se este é o máximo representante do fútbol español, como será o resto?, posiblemente, se preguntou máis dun e dunha espectadora, presencial ou televisiva, de calquera lugar do mundo. En certa maneira, esa xente puido achar unha resposta a ese interrogante no que se viu da sesión federativa na que o presidente, entre os aplausos dos asistentes, acabou berrando con insistencia que non ía dimitir, anuncio que, como sabemos, non cumpriu. A xente puido ver como moitas das partes dese seu discurso, que, ao meu xuízo, de ningún xeito contribúen á igualdade de xénero -o que falou do feminismo, por exemplo- eran aplaudidas por moitos e moitas das presentes. A min, desde logo, non me valeu ningunha das xustificacións que escoitei sobre os toques de palmas. Se o fixeron porque estaban de acordo co que o señor Rubiales estaba a dicir, malo. E se foi por seren a voz do seu amo, peor. En calquera caso, para min, non reúnen as cualidades humanas que deben caracterizar as persoas que ocupan eses postos federativos. O que debía ter sido unha masiva demisión quedou reducido a nada. A un esperar que se calmasen os ánimos para seguir como antes. Desde logo que quen tiñan que ter demitido xa son o seleccionador e a seleccionadora das absolutas masculina e feminina. Díxose que non era o momento oportuno xa que en ambos os casos se estaba ás portas de compromisos importantes, como as copas de Europa ou a Olimpíada de París. Mais, onte mesmo, a situación acabou. Eses obxectivos clasificatorios xa están cumpridos e, se de verdade de quere cambiar, fanse precisos os relevos xa. Non hai excusas. Non lembramos cando en xuño de 2018, dous días antes do debut no mundial de Rusia, Fernando Hierro sustituiu Lopetegui polo cese deste? E non pasou nada. España xogou exactamente igual. Clasificouse primeira de grupo e logo, na lotaría dos penaltis, caiu ante Rusia. Agora hai tempo de sobra, aínda que, tal e como están as cousas, tampouco faría falta.


Tanto a FIFA como o TAD xa sancionaron o Sr. Rubiales e, se é verdade da boa o dito polo Sr. Francos, cómpre comezar a limpeza. Xente que aplaude o machismo non, por favor.

Tempo de cambios

Te puede interesar