A de 1846 foi unha revolución que tivo dous eixos reivindicativos: cuestionar o governo do conservador Narváez do Partido Moderado (sería substituído por Istúriz en plena revolta), e recobrar a unidade territorial de Galiza, perdida por mor da Constitución de 1833. A rebelión comezou o 2 de abril cando se pronunciou en Lugo o Segundo Batallón do Rexemento de Zamora, ao mando do comandante Miguel Solís, que estaba de paso para Valladolid. Días despois, sumaríanse as cidades de Compostela, Pontevedra, Vigo e Tui. Mentres, as tropas con base na Coruña convertíanse no centro do apoio ao governo. Contra o esperado, a insurrección non prendeu no resto do Estado español, e colleu na Galiza un carácter reivindicativo provincialista (pre-nacionalista). Constituíronse Xuntas Revolucionarias en todas as cidades e vilas nas que houbo pronunciamentos. O 15 de abril a Xunta Suprema de Galiza nomeou presidente Pío Rodríguez Terrazo e secretario a Antolín Faraldo.
A Xunta acordou publicar o periódico Revolución. No primeiro número, o 17 de abril, afirmaba: “Galiza arrastrando ata aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha colonia da Corte, vaise levantar desta humillación e abatemento. Esta Xunta, amiga sincera do país, consagrarase constantemente a engrandecer o antigo reino de Galiza (...) galegos contando co voso apoio logrará –a Xunta- que a nosa provincia sexa temida e respectada”.
Entre as medidas que se tomaron, ademais das de orde militar, estaban: a derrogación dos aranceis xudiciais de 1845,... supresión do sistema tributario e da policía, rebaixa do sal, arranxo do culto e clero, substitución dos concellos establecidos no1846 polos de 1843,...
Realizaron dúas expedicións, unha á Coruña e Ferrol, e outra a Ourense, ambas fracasaron. O Governo enviou tropas ao mando do xeneral Gutiérrez. Uns 5.000 efectivos, con cabalería e artillería, que se enfrontaron aos rebeldes nas aforas de Compostela, en Cacheiras e logo na cidade, o 23 de abril. O número de mortos e feridos sería duns 500, foron feitos prisioneiros uns 2.000 rebeldes e enviados as colonias; moitos outros fuxiron a Portugal.
Parte dos xefes serían fusilados, sen xuízo, en Carral, entre eles Solís, 10 capitáns e un sarxento. A revolución de 1846 non só foi un levantamento militar, participaron máis dun milleiro de civís, que xogaron xunto a Carabineiros e Garda Civil un papel importante nos combates en Compostela. A insurrección espertou sentimentos e alentou as arelas de soberanía, das que serían expresión o Banquete de Conxo, o rexionalismo, as Irmandades da Fala...