A tecnoloxía

Aínda que a tecnoloxía definíase antes como o estudo dos métodos empregados nun oficio ou profesión, arestora, emprégase como “o conxunto de todas as innovacións técnicas de calquera avance na industria e mesmo na área social. Nun principio, parecía que as innovacións ían encamiñadas a facilitar as tarefas e minimizar o esforzo, contribuíndo a mellorar a vida dos traballadores e, xa que logo, da masa social en xeral, mais os “tiburóns” económicos, axiña viron as grandes posibilidades dos avances tecnolóxicos para convertelos en verdadeiras “minas de ouro”, sen reparar no moito dano que poderían facer, desde o punto de vista social. Non hai máis que ver o auténtico desastre no que se converteron as chamadas “redes sociais”, utilizadas polos desaprensivos para falsas noticias, insultos, calumnias, descualificacións e calquera cousa negativa. Outro dos moitos aspectos do uso da tecnoloxía en proveito propio, é a imposición unilateral lenta, pero imparable, das xestións entre empresas e clientes, de xeito que nun futuro non moi lonxano, nada poderemos facer sen unha tarxeta codificada para cada unha das xestións que necesitemos. Todo se fará a través da “intelixencia dixital”, co resultado de perda de postos de traballo e maior beneficio para “eles”. Paréceme a min, claro, pero se cadra estarei nun erro. Ou non?

A tecnoloxía

Te puede interesar