Sublevación polo planeta

Chega ao calendario oficial, social e para a concienciación política e popular outro día para petar na conciencia das cousas mal feitas; neste caso o Día Internacional da Terra. Si, do planeta que habitamos que leva por nome ese título e para reparar no estado dos problemas ambientais e a conservación da biodiversidade nun escenario onde os efectos do cambio climático, da emerxencia climática mellor dito, e da sobre-poboación ameazan coa subsistencia do planeta. Unha xornada para o coñecemento e a reflexión do pequeno mundo que habitamos e da deriva a futuro que sinalan todas a voces científicas anunciando o son dunha alarma vermella á que se lle está a facer ouvidos xordo polos poderes políticos, presos da cobiza dos emporios económicos. Unha situación que pide unha rebelión que parta da sublevación desde abaixo, no chan da pirámide social á que lle tocará os peores efectos da deriva climática. Urxe empuxar á acción.


A comunidade científica leva décadas alertando en milleiros de investigacións de como o clima na Terra está a cambiar pola nosa acción humana, de detallar os impactos que estaban por vir e de certificar que xa se están producindo. Resultando non ser profetas na súa terra, por expresar con retranca o pouco o ningún caso que se lle está a facer, veñen de facer visíbel a súa fartura ao desprezo das evidencias sobre a futura catástrofe humana que se desprenden do rigoroso traballo académico cunha mobilización, a nivel estatal, fronte do Congreso das e dos Deputados do mesmo xeito que colegas seus fixeron noutras capitais internacionais, compartindo o efecto dunhas imaxes que deron a volta ao mundo nunha xeira de activismo que cobra agora vixencia.


Velaí, o tema deste ano, “investir no noso planeta”, insta a actuar de forma audaz, a innovar e introducir cambios que permitan promover alianzas entre as empresas, a sociedade e as administracións, de xeito que podamos garantir a supervivencia do planeta nas próximas xeracións. É o chamado ao que formalmente os grandes emporios empresariais, nunha operación publicitaria, semellan sumar colaboración estratéxica. E non, non é verdade que as empresas estean a cambiar o rumbo ao grande, por máis que nolo traten de vender en notas de prensa sobre a sustentabilidade. Aí están opoñéndose ás leis que controlen a súa responsabilidade, potenciando proxectos que esnaquizan terra, aire e auga, mirando só pola conta de resultados, instaladas no consumo desenfreado como motor de desenvolvemento que consideran que non ten fin. Sen conciencia de que os modelos científicos climáticos catastróficos, xa non nos explican o futuro, senón o presente. E niso a sociedade tamén ten responsabilidade pasiva. Urxe revolverse.

Sublevación polo planeta

Te puede interesar