Que significa mamá?

Aos nenos e maiores todos os días pola rúa lles escoito dicir: Mamá!


Pero na miña experiencia persoal, no ámbito das emocións, eu non me lembro de ter usado esa palabra nunca na vida.


Do que si teño moi abundante experiencia é de non poder usala para referirme a alguén en directo, a esa figura concreta de muller, á mamá. Por iso pregunto aos meus 88 anos que significa poder dicir: Mamá!  


Naturalmente que no nivel cognitivo ou intelectual coñezo a palabra tal como vén nos dicionarios de moi diversas linguas.


Eu en vez diso sempre uso a expresión: Nai;  “A miña nai, a nosa nai”. E aínda así, ninguén sabe ben, canto agarimo e nostalxia hai en todo o meu ser.


Os significados en psicoloxía evolutiva non son a mesma cousa que saber de memoria todas as verbas frías dos dicionarios dunha lingua:


Mamá: “(Voz infantil), s.f. Termo afectuoso para dirixirse a nai. (RAE). E no Diccionario panhispánico de dudas:  MAMÁ  “En España só é normal o seu emprego para dirixirse á nai en usos vocativos (Mamá, me voy al cine).  Ou para referirse a ela en  conversación entre membros da mesma familia: (Me ha dicho mamá que recojas tu habitación). Tamén na conversación entre nenos pequenos: (Mi mamá no me regaña nunca). Incluso cando un adulto se dirixe a un neno de poucos años (Díselo a tu mamá)”. Na conversa entre adultos, fóra do núcleo familiar,  emprégase o termo,  madre: «Mi madre atendía a las gallinas» (Mtz Mediero Vacaciones [Esp. 1991]). En América, en cambio, emprégase correntemente mamá para referirse á nai entre interlocutores adultos: «Mi mamá compra todo en el supermercado que hay acá» (Puig Beso [Arg. 1976]).


Por que no meu caso é pertinente a interrogante? Por que a nós, aos catro, nos sucede todo isto? Porque nós, xa de moi nenos, somos orfos. Antes diso, naturalmente que dixemos: MAMÁ!. Pero esa vivencia non permaneceu ancorada no noso mundo afectivo positivo. E non tivemos vídeos para fixarmos a memoria visual. Eu só teño unha foto.


O que si temos moi clara –e fixada de por vida– é a falta dela. E aquí, “ se suspendes en xuño, xa nunca máis haberá convocatorias de setembro”. Nós, por razóns de orfandade, “suspendemos” o tres de xullo do 1944.


Unha septicemia post partum, nunha semana, cambiou todo o proxecto familiar. “Esta infección puerperal, din os entendidos, é debida ás feridas ou complicacións ocasionadas durante o parto. No pasado, a febre puerperal era unha das principais causas de morte materna”.


Todos naciamos na casa.  E ademais  eran tempos de fame e post-guerra. E sen médicos. E sen medicamentos. A penicilina chegou a España a finais dese ano e de “estraperlo”, para os podentes. Dixéronnos, despois, que seguramente esa sería a solución. —“¡Tarde piaches! —respondió Sancho”—. (El Quijote. 2ª parte, cap. LIII).


“La muerte siempre tiene un precio”. Como corresponde a adultos ben constituídos temos de identificar e traballar as eivas da persoa en todas as dimensións para unha integración sanante e sandadora da personalidade. Os psicólogos chámanlle:  “Sandar o neno interior que todos levamos dentro”. E nesa parte nós tivemos esa sorte cun pai, excelente educador, que nos tocou. Con canto amor nos fixo sempre presente á nai nunha ausencia realista amorosa e dialogante.  Na oración confiada e na bendición constante: “sen que a morte nos separe”, nos dicía el sempre.


Ao ir medrando fun sabendo que viviches moi consciente desde o primeiro instante o proceso do teu inmediato pasamento.  


Esa foi outra cousa que, xa de adulto, sempre me doeu moito. Mamá! Canta foi a preocupación e sufrimento que tiveches por nós e pola situación que deixabas detrás? As túas tres nenas e os dous nenos. (E xa che morreran dous).


Ao ir medrando e saber máis cousas, canto che teño rezado: (Nos rezos si que sempre che dixen: Mamá!).


Mamá non sufras! Estamos todos ben grazas a túa presencia de muller, de nai. A túa presenza espiritual. Sempre fuches unha bendición! Nunca a morte nos separou! Todo o contrario.


Sabes que daquela, aos pais e nais, vos diciamos de vostede? Pero, ao rezarche, axiña empecei a atuarte.  

 

Que significa mamá?

Te puede interesar