Pampo de todo fiquei cando, a mediados desta pasada semana, lin que a Federación Francesa de Atletismo suspendera o atleta Muhammad Abdallah Kounta -parisino de 29 anos-, vixente campión francés de 400 metros lisos e que correu as finais dos relevos 4x400 masculino e mixto. O motivo non era, como case sempre se espera en casos así, por problemas de dopaxe, senón polos seus comentarios -por ningures lin supostos ou presuntos- nas redes sociales incitando ao odio contra os israelís e favorables a Hamás.
Acto seguido, Amélie Oudéa-Castéra, a ministra de Deportes, saía ás redes para,ao tempo de confirmar a noticia da suspensión e apuntar que o presidente federativo remitira o asunto á Fiscalía e mais ao comité de disciplina da Federación, cualificar as actuacións de Kounta de inadmisibles. Textualmente: “Merci SwordOfSalomon et Patrick Karam pour votre vigilance face aux propos aussi choquants qu’inadmissibles de M.A. Kounta. Le Président de la Fédération française d’athlétisme m’a confirmé avoir suspendu l’athlète, saisi le Procureur de la République ainsi que la Commission de discipline de la Fédération”. Penso que non é precisa tradución. Como esta manifestación acusativa me pareceu realmente forte, decidín tentar enterarme de que fora o que realmente o catrocentista galo dixera ou escribira. Malia que nunca tiven -nin penso tela- conta de rede nigunha cun pouco de paciencia consigo irme documentando do que puntualmente me poida interesar do publicado nas redes e neste caso tamén así foi.
Polo que vin, todo partiu do publicado na conta de X pertecente a SwordsOfSalomon, onde se di que o atleta francés desde o 7 de outubro fixo apoloxía dos terroristas de Hamás, incitou ao odio a Israel, banalizou a Shoah e citou unha sura do Corán que considera xudíos e cristiáns como inimigos. En base a iso os da citada conta de X demandaban á Federación Francesa de Atletismo que excluíse inmediatamente Kounta, para que non poida volver representar nunca un país que abertamente menospreza. As súas incitacións ao odio a outras nacións, relixións ou atletas son non só contrarias aos valores fundamentais do deporte, senón tamén inaceptables en quen leva as cores de Francia. Esas apreciacións de SwordsOfSalomon van acompañadas das intervencións de Kounta nas redes. Vistas e lidas varias veces, debo dicir que me parecen moi esaxeradas as conclusións que a conta de X tira delas. Non vexo por ningures motivos suficientes para toda esa serie de descualificacións que se fan do atleta francés. Tendo en conta, ademais, que non son textos escritos por el, senón que reciben a súa aprobación. Por riba, todos datan de antes do inicio dos Xogos e mesmo un deles está datado en decembro de 2021. Con todo, Kounta manifestou: “Je m’excuse sincèrement si des personnes se sont sentis offensées. Je suis contre les génocides et toute forme de racisme ou d’injustice, et je pense ne pas avoir besoin de prouver à quel point j’aime mon pays. Les personnes présentes au Stade de France pourront en témoigner”.
Hai uns meses, Shon Weissman, xogador do Granada, deu aprobación a uns durísimos post contra os palestinos. Que saiba non pediu desculpa ningunha, nin houbo sancións, malia ser denunciado por un grupo de seguidores do equipo granadino. De feito, velaí esta a xogar de novo.
Estaremos en “tempos de saturação gestápica”, dos que falaba o grande Zeca Afonso?