Sabina cántalle á Aesia

Agora a tendencia, o cool, é botar pestes de Joaquín Sabina. Na era das máscaras e a procura de xuvenil molonidade eterna, non se lle perdoan pecados tan terribles como ser da súa época ou ir matizando as opinións co tempo. A min, que intento vivir bastante alleo a todo iso e, ademais, sei que todo ídolo é un potencial idiota así como te vas achegando ao persoal, tráeme sen coidado todo isto, o único que me importa son as cancións. Sabina ten decenas delas marabillosas. Especialmente nos anos 80 e 90. E hai xusto trinta anos (como a Expo de Sevilla ou o Mar Exeo) publicou unha obra mestra, o disco Física y Química. 
 

Ese LP (así se lle chamaban daquela) debuxaba todo o seu rico universo estilístico. Desde as músicas latinoamericanas (Y nos dieron las diez) ata o rock macarra (La del pirata cojo), pasando polas baladas (Peor para el sol) e os tempos medios, como a portentosa peza titulada Todos menos tú, unha desas frases que saltan con música á memoria así como se pronuncia en calquera conversa. Algúns dos que a coñecedes estades agora mesmo cantándoa no maxín, toodos menos tú, tooodos menos tú. 
 

Este curioso fenómeno pasoume a min mesmo. Pero o retrouso non me apareceu por imitación, senón por deducción. Porque na Coruña e en Galicia levamos un par de semanas vivindo unha situación claramente “todos menos tú”, que retrata non poucas cousas da nosa política, ningunha para botar foguetes. 
 

Un éxito histórico como o de que A Coruña fose designada sede para a Axencia Estatal de Supervisión da 

Intelixencia Artificial, a Aesia, parece ser mérito de todo o mundo, menos de quen impulsou e presentou unha candidatura de perfil vencedor, que foi o Concello da Coruña, tal e como se indica no Boletín Oficial do Estado, e a súa alcaldesa. Esa é a tristísima versión local do Todos menos tú, un monumento á mirada corta, de escasa visión de cidade. 
 

E da cidade hai que falar, porque por aí tamén temos notas. Días leva o galeguismo conservador e centralista coa turra de que a Aesia é un éxito de todo o mundo, menos da Coruña. Todos menos tú. O delirio chega a tal punto que antes reparten parabéns á Universidade de Vigo que puxo os alicerces da pantasmal candidatura de Ourense ou, por suposto, esquecen todo o mal que lles pareceu que A Coruña se resistise a ir de paquete residual na de Santiago (que non gañaría), algo que se evitou porque Inés Rey, en persoa, negouse.
 

No fondo desta idea está o de sempre, o impulso de entender Galicia en clave tradicionalista, onde os motores da comunidade -en especial A Coruña- son sospeitosos. Prefiren unha candidatura compostelá da Aesia derrotada que unha da Coruña vitoriosa para todos os galegos, agradecendo os apoios. Dóelles recoñecer, por iso non o fan, que foi o coruñesismo galeguista o que trouxo a Axencia. Que desde aquí podemos e sabemos liderar o país. Iso racha os seus rancios esquemas mentais. Por iso sinalan en dirección á Torre de Hércules e cantan, desafinando, Todos menos tú.

Sabina cántalle á Aesia

Te puede interesar