Aínda que xa sei que é un dos temas do momento -por que tanto trending topic?- e, consecuentemente, abondar nel acaba por dormir as paredes, non me podo resistir a dicir algo sobre o acontecido nestes últimos días no fútbol español.
Quen me coñece ou quen lea con algunha frecuencia esta columna sabe que son grande afeccionado ao deporte, particularmente ao fútbol e ao atletismo -por certo, que magnífico campionato do mundo estamos podendo contemplar nesta semana-, e que non son excesivamente partidario das competicións entre seleccións nacionais, por moitos motivos que agora non veñen ao caso. Abonde con manifestar que non son nada chauvinista e que non me mola ver un ou unha deportista con traza de estar pouco menos que no nirvana mentres escoita o himno do país que está a representar, cando, se cadra, está a pensar en como ocultar ao erario público os cartos que vai gañar. Que, por desgraza, casos deses houbo e haberá.
A xente que, por calquera vía, sabe de min coñece que son seguidor do fútbol feminino e, particularmente, tremendamente admirador do xogo que practica o Barça -a base fundamental da selección española, como é notorio-, adestrado, por certo, polo vigués Jonatan Giráldez. Tamén, cando era socio do Dépor, acudía, con frecuencia, a Abegondo ou a Riazor para ver o equipo feminino e nel a Tere Abelleira, Misia Rodríguez ou Athenea del Castillo. A esta última dediqueille, hai certo tempo -haberá quen o lembre-, unha columna, valorando especialmente o seu pundonor, vocablo que, como saben, significa “sentimento de dignidade persoal que esixe a un mismo atención e dedicación continua nun labor ou profesión”. Dignidade, ese concepto que os que mandan no mundo queren facer desaparecer, converter en reliquia dos dicionarios de todas as linguas.
Dignidade, ou “calidad de quen se fai valer como persoa, se comporta con responsabilidade, seriedade e con respecto a si mismo e aos demais e non deixa que o humillen nin degraden”, que mostraron as xogadoras asinantes do escrito de renuncia a ser convocadas para a selección se determinadas situacións non cambiaban, que se mostraron fieis aos seus principios e non se deixaron convencer polas ofertas de última hora. Dediqueilles -personalizadas en Mapi León- outra columna e quero reiterarlles a miña admiración. Non foron campioas do mundo de fútbol -o de campións deixámosllo ao “presidente” da RFEF e aos seus escasos coñecementos lingüísticos- pero fórono como persoas dignas, e iso si que non hai quen o pague. Non todo vai ser diñeiro e vaidade.
Naquel escrito de renuncia as xogadores falaban de situacións que afectaban ao seu estado emocional e persoal e ao seu rendemento. Jenny Hermoso, agora, infelizmente, protagonista, non asinara o escrito, mais si apoiara as compañeiras. Entendíaas porque, como expresaba ela tamén vivira momentos de non recoñecerse a si mesma e preguntarse de se aquilo pagaría realmente a pena. Setembro de 2022. Algo, que, de momento, se ocultou, debería haber. Agora pasou o que pasou e xa se verá como acaba. Cousas semellantes ao “Estoy flipando” ou “Me sangran los oídos”, que tuitearon Borja Iglesias e de Gea, pensei mentres escoitaba anacos da intervención de Rubiales negándose a dimitir. Está claro que -xunto á cohorte de aplaudidores/as- terá que facelo. De feito a FIFA xa o suspendeu.