Responsables

Nestes días por activa e por pasiva a DGT insiste en que se revisen luces e neumáticos, algo totalmente imprescindible sempre e en todo lugar, non só cando se poñen en marcha as campañas.


O que non vexo tan imprescindible é que, xunto coa recomendación, se inclúa a ameaza de sancións a quen non leve eses elementos en condicións, algo que parece lóxico que, para a maior tranquilidade de todos, sempre vaian así. Á vista desta atemorizadora mensaxe, poderiamos pensar no dito “o que avisa non é traidor”, cousa certa e de agradecer, mais entendo tamén, paréceme claro, que hai que facer unha segunda lectura que, obviamente, non se explicita porque quedaría feo. 
Trátase de que, como os cartos non se sachan como as patacas, hai que recadar fondos, onde queira que for, para facer fronte a eses disparatados orzamentos -anuais ou extraordinarios- de defensa, derivados de lle seguir o xogo -macabro- á política armamentística deseñada e dirixida polos Estados Unidos e a súa OTAN para evitar a perda do liderado mundial que se lles está a esvaír día a día.


É evidente que un mínimo de responsabilidade debe levarnos a todos os propietarios de autos a facer as revisións recomendadas e a substituír as pezas que non se atopen en condicións ou a subsanar os defectos que se poidan achar nelas, como tamén o é que os irresponsables poden e deben ser debidamente sancionados.  Mais ese celo posto en manter a maior seguridade posible no tráfico rodado creo que non debe afectar só aos usuarios dos vehículos -que si deben estar no mellor dos estados-, senón tamén aos responsables do mantemento, en condicións adecuadas, das vías de circulación.


Para algo se pagan impostos específicos relacionados co tema do tránsito, incluída a parte correspondente do IVA dos pagos obrigados de ITVs ou de peaxes, que ás diferentes administracións que os perciben lles supoñen un nada despreciable volume de recadación. Como as sancións, moitas veces moi necesarias, mais que resulta vergoñento ver como, con relativa frecuencia, se inclúen xa no capítulo de ingresos na elaboración dos orzamentos. Tan inconcebible como certo.


Mais volvamos ás recomendacións das autoridades responsables do tráfico. Resulta cando menos curioso, por non dicir de chiste -malo, por suposto-, atopármonos neses pórticos que sosteñen grandes paneis informativos en autovías e autoestradas o recordatorio de revisar luces e neumáticos xusto cando estamos circulando por tramos que denotan unha tremenda falta de conservación que redunda nunhas pésimas condicións de uso en todos os sentidos.


As liñas de sinalización horizontal hai anos que non viron unha gota de pintura; máis que velas hai que intuílas, xa non digamos en días ou noites de auga e máis aínda se veñen coches de fronte. Un auténtico perigo. Hai tramos nos que a superficie do asfalto está tan deteriorada que reflicte ou absorbe a luz dun xeito que impide un mínimo de visibilidade segura. 


O firme da rodadura é irregular e presenta todo tipo de imperfeccións que afectan á seguridade. O estado da AP-9 é tan lamentable que habería que esixirlle á empresa concesionaria un amaño inmediato da mesma, só pena de duras sancións. Porque creo que, de tomaduras de pelo, xa está ben.

Responsables

Te puede interesar