Remando xuntos

Malia o meu non moi alá estado de saúde o domingo pasado decidín achegarme á Malata para ver in situ, sobre a verdura, esa pola que, hai cincocentos anos, camiñaba descalza a camoniana Leonor (“Descalça vai para a fonte/ Lianor pela verdura;/ vai formosa, e não segura”, lembran?). Que non é o mesmo ver as cores ao natural que nunha pantalla, por moi requintada que esta for.


O meu vello e benquerido amigo Julio López, con quen viaxo, alternándonos na condución, brindouse a traerme no seu auto, aínda que era a min a quen lle correspondía traelo a el, e non o pensei máis, dito e feito. Tiña a corazonada de que ía ser a vencida e non podía estar ausente para gozala. E así foi, desta volta non me fallou. Julio adoita dicirme que son optimista de máis e inclusive que son moi forofo. O do optimismo non llo discuto, pois, se cadra, son así. Mais co de forofo non estou de acordo. O forofismo non é, nin nunca foi, un dos meus sinais de identidade. Non son desa caste de seguidores que non teñen reparo en recoñecer que queren ver gañar o seu equipo, aínda que xogue mal e sexa de penalti inxusto non último segundo. Eu quero ver gañar o meu equipo, mais noutras circunstancias ben diferentes. Para min, o esencial é ver o mellor fútbol posible e, en sendo así, mellor que mellor se se gaña, como non!, mais tampouco se acaba o mundo se non se fai. Outro día será. Por iso a temporada pasada foi unha das que máis teño desfrutado na miña vida futbolística de máis de 60 anos. O equipo xogou habitualmente ben, con algunha que outra –lóxica– baixada de rendemento, e conseguiu o que non todo o mundo estaba convencido de que se ía conseguir. Iso que ese meu optimismo citado me dicía que ía acontecer. A alegría da vitoria fixo esquecer as críticas, como adoita ser habitual.


Para min, o Racing desta tempada vén practicando un xogo significativamente superior ao que vimos na pasada. E mentres xogue así o que cómpre agardar é un número elevado de bos resultados. Así veu sendo ata agora, con momentos mellores ou peores, con maior ou menor sorte pero sempre xogando ben –ou tendendo a ben– e apenas mal. É a miña opinión. Facendo un repaso mental de todo o que vai de temporada non atopo diferencias substanciais entre o fútbol practicado cando se estaba no segundo posto e o que está a realizar nas últimas semanas. Tocou deixar de gañar varios partidos seguidos e parecía que se ía afundir o mundo. Gáñase ao Valladolid e semella que xa estamos en Primeira. Nin unha cousa nin outra. Non vai haber afundimento porque os puntos acadados xa poderían chegar para asegurar a permanencia –non esquezamos que este era o obxectivo a cumprir– e a Primeira está aí, ao alcance da man, e pódese conseguir o ascenso co mellor do fútbol practicado e co indispensable chisco de sorte.


A verdade era que estaba un tanto amocado con tanto comentario negativo que lin na prensa –que a min iso das redes sociais non me interesa o máis mínimo–, entendo que recollido do escoitado polas rúas da cidade, e todo apunta a que a situación a ese respecto mudou, e agardo e desexo que de vez. Opa Racing!!!

Remando xuntos

Te puede interesar