Reflexión logo da festa

Adoito cada ano poñer terra polo medio cando Mugardos se dispón a celebrar a famosa Festa do Polbo, máis que nada porque non me atopo cómodo en presenza de multitudes e xa é sabido a cantidade de xente que concita unha esmorga así. Malia iso, este ano decidín quedar e comprobar “in situ”  a razón do meu desacougo diante destas manifestacións públicas cuxo resultado é converter o evento nunha monumental bebedeira, nun enorme “botellón” no que o protagonista  semella ser o alcohol quedando o polbo, o probe, como mero animal de compañía.


Vaia por adiante que respecto o xeito que cada un ten de divertirse e de formar parte dunha troula como esta na que para moitos resulta necesario desprenderse das inhibicións. O que pasa é que hai xente que necesita o empurrón do alcohol para entoarse e así estar, iso pensan, á altura das circunstancias. Todos os establecementos de hostalería colocan fóra, na rúa, billas de cervexa e a exaltación á bebida convértese en importante protagonista. Eran as once da mañá e xa había xente bebendo de todo o que cadraba en vasos de plástico que levaban pendurados do pescozo como cousa prezada, como quecemento previo ao que estaba por vir.


Malia que os organizadores do asunto tiveron a ben instalar inodoros portátiles, a tendencia foi mexar na rúa ou, no peor dos casos, nalgún portal que cadrase a man. Vasos, bolsas de plástico e cascos de botella tirados polo chan resultaron ser o elemento decorativo dun día de festa porque a graza consistiu en deixar a rúa chea de lixo malia ter preto contedores e papeleiras. Podemos discutir se había suficientes, pero non teñan a menor dúbida que, de ser así, o resultado sería o mesmo: a rúa chea de merda, que para iso estamos en troula e non imos andarmos con escrúpulos excesivos, non si?


Hai unha cousa que se chama educación, da que adoecen moitos, que é esencial para unha boa convivencia. Comeza por aprenderse na casa, logo na escola e mesmo tamén no ensino secundario. Claro que cando a bebedeira é tal e o control se perde, de pouco ou de nada serve aludir á educación porque a pouca dispoñible diluíuse co alcohol inxerido. Non sei se os mozos e mozas bebedores ata perder o control serán quen de reflexionar se mexar na rúa e deixala feita un cristo forma parte do paquete de cousas divertidas. Semella que aquela frase da célebre canción de Los Secretos –quero beber ata perder o control– forma parte importante do entretemento colectivo, xa que algúns e algunhas a levan ao pé da letra. Mágoa que unha festa popular remate niso, nunha esterqueira. Abofé. 

Reflexión logo da festa

Te puede interesar