Reconstruír pontes

A crise do capitalismo, polas taxas minguantes do PIB, medre da desigualdade e da confrontación entre potencias, e da desfeita ecolóxica, ten seu punto máis álxido na Unión Europea, polo aumento do prezo da enerxía e redución do subministro exterior, por mor das sancións impostas por Bruxelas a Rusia, que se converteron nun búmerang. Para alén de que esta estratexia coa que o G7/OTAN querían derrotar a Moscova rapidamente, e manter a esta potencia nun rol subalterno e dependente, rematou sendo até o momento unha fantasía, malia 8 tandas de sancións e entrega armamento e información sensíbel a Kiev, a UE teima nesta folla de ruta, empredendo o camiño dunha profunda crise, que non só pode orixinar problemas de inflación, abastecementos de enerxía, peche de empresas e medre do desemprego, senón ademais un paso atrás no papel industrial que ten a UE na cadea da produción e valor mundial, moi especialmente Alemaña. 
 

Durante esta guerra na Ucraína, e mesmo desde o inicio dos bombardeos ao Dombass para súa reincorporación pola forza á Ucraína, a mellor saída eran os acordos de Minsk, o afastamento da OTAN do conflito, e manter as relacións comerciais con Rusia. Ante todo, a enerxía rusa, tamén metais e cereais, o enriquecemento de uranio, mesmo os investimentos mutuos, eran esenciais para que as exportacións industriais da UE fosen competitivas no mercado internacional, mantendo salarios máis altos. Evidentemente había máis razóns, desde o engadido tecnolóxico, até un papel determinante en moitos países cun modelo neocolonial. En todo caso a importancia da enerxía rusa está máis que confirmada.
 

Outra hipótese errada é que, cando se fala deste tema, tendese a ollar como se só afectase a Alemaña, esquecendo que é a locomotora da UE, e que seus avances e retrocesos teñen efectos sobre toda a Unión, por exemplo nas importacións e no turismo. Tal como se está amosando no recuar do PIB para este ano e o seguinte no Estado español (e peor na Galiza, vexamos a pesca). Hainos que pensan que isto pódese solucionar coas enerxías alternativas e con outros países subministradores. Mais isto non é doado, levará anos, e o PIB que se perda neste período, así como socios, non serán doados de recuperar, máxime cando a UE escenifica acotío un papel subordinado aos Estados Unidos e están gañando protagonismo potencias rexionais (India, Turquía, Indonesia, Brasil, Mexico, Iran, Arabia Saudí, etc.). Daquela que deberían ser Ucraína (se non quere rematar desfeita), Rusia e tamén a UE as máis interesadas na paz e reconstruír pontes.

Reconstruír pontes

Te puede interesar