Recoñecemento a Benito Vicetto

Plausíbel iniciativa o recoñecemento que a don Benito Vicetto se lle fai dende certas entidades culturais e mesmo dende o Concello de Ferrol concedéndolle o título de fillo predilecto. Meréceo porque a súa prolífera actividade como xornalista, novelista, poeta e historiador deixou fonda pegada, malia que as súas achegas nestas parcelas da escrita non fosen suficientemente recoñecidas na súa xusta medida nin no seu tempo nin posteriormente. Foi un personaxe esquecido e pouco valorado sobre todo no que concirne á parcela como historiador, pois foi tachado de pouco rigoroso e mesmo fantasioso. En calquera caso hai que ter unha enorme capacidade de traballo para poñerse a escribir unha Historia de Galicia en sete tomos por moita imaxinación ou fantasía que se lle bote.


Voume referir a unha das ficcións históricas que saen do seu maxín e que incide de xeito directo na intrahistoria da miña vila, Mugardos, e ten que ve coa arribada as nosas costas da raíña Mariana de Neoburgo, esposa de Carlos II a bordo do buque inglés “The Duke” que se achega á costa de Mugardos ao non poder entrar na Coruña por un forte temporal no ano 1690. Hai crónicas que relatan esta accidentada viaxe, pero é Benito Vicetto o primeiro que conta o episodio da primeira pisada desta raíña alemá en territorio español, e faino, segundo el, nunha rocha na que se escorrega e dá coas súas reais pousadeiras na dura pedra. Por iso esa rocha á que só se poden subir gaivotas ou corvos mariños quedou bautizada como “o cu da raíña”. Don Benito botoulle imaxinación, pois calquera que observe esa rocha semiesférica decátase do imposíbel que resulta empolicarse nela e moito menos unha raíña entrada en carnes como era Mariana de Neoburgo. En calquera caso, un belido e incríbel relato que o insigne ferrolán fixo imperecedoiro.


Non rematou ben co seu coetáneo Manuel Murguía que tamén escribiu unha Historia de Galicia e que ao referirse á de Vicetto di: “Nada digo da historia de Galicia de Vicetto porque é unha das probas máis patentes da decadencia intelectual do seu autor. Nada achega para o coñecemento do noso pasado”. Moi forte o comentario que Murguía fai. Vicetto rachou os lazos de amizade que os unían. Quizais estar instalados na feira das vaidades, nas inevitables competencias, pode influír en dar lugar a estes demoledores comentarios.


Parabéns a Esperanza Piñeiro e Guillermo Llorca, comisarios da excelente exposición que está aberta ata hoxe no Centro Torrente Ballester e, por suposto, ás asociacións culturais Medulio e Ferrolterra Antiga, que xestionaron este merecido recoñecemento.

Recoñecemento a Benito Vicetto

Te puede interesar