Seica a ministra de Traballo, Iolanda Díaz, vai constituír nos próximos días unha comisión de expertos/as para poñer en marcha o “Estatuto dos Traballadores/as do século XXI”. Sen dúbida é unha iniciativa necesaria, e propia dunha persoa ligada ao mundo do traballo, mais a cuestión é se existe o atrevemento e disposición para que o resultado sexa un paso adiante en materia de xustiza social e igualdade. Esta é unha cuestión fundamental, cando non se trata só de boas intencións ou de pura propaganda electoralista.
Non se deberían obviar ademais as lousas regresivas sobre a clase traballadora que, malia o prometido, non se eliminaron ou recuperaron no novo texto de 2021. Por exemplo: os salarios de tramitación, a arbitrariedade no descolgue dos convenios, privilexia o marco estatal na negociación, etc. En resumo, os avances que logra a coalizón de governo no ámbito laboral son mínimos e nalgúns casos xa existían de feito ou son estatísticos e, o máis grave, consolidáronse aspectos estratéxicos que garanten a explotación, como aqueles que manteñen a arbitrariedade das causas e a baixa contía das indemnizacións no despido colectivo, e sen acordo previo da Autoridade Laboral.
Dirase que con governos da dereita nunca se houbesen acadado os avances desta reforma, mesmo sendo tan limitados, é verdade, mais esta non deixa de ser unha escusa para agochar a debilidade e considerar un éxito o mal menor. Un recorte con nocturnidade de obxectivos. Polo tanto se esta é a folla de ruta para o cambio, que nos propón a ministra, e os sindicatos que asinaron o acordo, estamos aviados. Daquela que, polo momento, aínda que a ministra teña capacidade de conseguir o apoio ou a pasividade de sectores da clase traballadora, non se pode obviar o medre da crise e que esta andaina non é aceptada polo sindicalismo anti-sistémico e combativo, pode mudar a situación. Isto, a cuestión estrutural e estratéxica, é o que valora a patronal, xa que ve no acordo mesmo con algunhas cesións mínimas o camiño para seguir aumentando beneficios, xa que non afecta a tendencia dominante que alenta a desigualdade e a explotación de clase.
Todo indica que o proxecto do Governo do novo Estatuto dos Traballadores/as seguirá o modelo dos países referencia da UE (Francia e Alemaña), e estará guiado por Bruxelas, como viu sucedendo especialmente dende a crise do 2008 e o resgate bancario. Máxime cando se esixe un acordo entra patronal e sindicatos, ou sexa que pasen o filtro do capital. A crise, a caída dos salarios, a protesta,... deberían rachar estes muros.