Probidade

Prezado amigo Afonsinho / Eu continuo aqui mesmo / Aperfeiçoando o imperfeito / Dando um tempo, dando um jeito / Desprezando a perfeição // Que a perfeição é uma meta / Defendida pelo goleiro / Que joga na Seleção / E eu não sou Pelé, nem nada / Se muito for, eu sou um Tostão // Fazer um gol nessa partida não é fácil, meu irmão”


Estes versos, ditos dúas veces, constitúen a letra da canción “Meio de campo”, composta e gravada por Gilberto Gil, como cara A dun single da casa Philips, publicado no Brasil en 1973, mais realmente lanzada por Elis Regina nese mesmo ano.


Había pouco que Gil puidera retornar do exilio londinense, a onde, como é coñecido, o obrigara a marchar o goberno da ditadura militar, nese momento presidido polo xeneral Emilio Garrastazu Medici. En 1969 -eran os anos de chumbo da ditadura- Gilberto Gil e Caetano Veloso, os grandes impulsores do tropicalismo brasileiro, do que que nada gustaban as autoridades militares, foran detidos no Río de Janeiro e, pouco despois, forzados a “negociar” a súa saída do país. En alusión a esta obrigada marcha Gil compuxo “Aquele abraço”, que se converteu no primeiro grande tema da súa carreira e nun canto de loita contra a ditadura.


Non puideron regresar ata 1972. Nesa altura un dos temas de conversa no omnipresente mundo futbolístico do Brasil, era o de Afonsinho, o de como Afonso Celso García Reis, o seu nome oficial, lle gañara ao Botafogo, na Corte Suprema de Xustiza Deportiva, o contencioso sobre o dereito a traballar. Afonsinho levaba barba e o cabelo longo e desaliñado, aspecto que pouco agradaba ás autoridades, por consideralo un símbolo de protesta -como así era e segue a ser. O adestrador do Botafogo, Zagallo -falecido hai uns días-, sen dúbida instado pola directiva do clube ou, mesmo, por autoridades superiores, conminouno a mudar esa apariencia ao que o xogador se negou. Anos despois manifestou que se, debido ás presión, tivese que ter optado sería só estudante. Nese momento estudaba medicina, carreira que acabaría sendo futbolista. Malia ter gañado perante a xustiza a súa condición de axente libre e poder fichar por calquera equipo, tivo que pagar a súa rebeldía, xa que os clubes, inicialmente, foron reacios a contratalo. Aínda así, chegou a xogar nalgúns dos mellores: Vasco, Santos, Flamengo, Fluminense. Malia as súas moi boas maneiras, nunca foi chamado para xogar na selección. Con todo, sempre se manifestou máis que satisfeito coa decisión tomada, porque, por sorte, como dicía, tiña outra carreira á que dedicarse. Como ben escribiu José Martí, “Ser culto es el único modo de ser libre”. E Afonsinho, como se lle pode escoitar dicir a Pelé no documental Passe Livre (1974), era o único home libre que coñecía no mundo do fútbol. Ninguén máis. Logo, como sabemos, mudaron os tempos.


Na canción, como se ve na letra, Gilberto Gil mestura o mundo do fútbol co mundo en ditadura do momento.


Onde semella que pouco ou nada mudaron as cousas é no fútbol federativo español. Hai un par de días amoloume ben ver ao señor de la Fuente ao carón da señora Tomé vendo un dos partidos da supercopa española. Como se pode manter nos seus postos a dúas persoas que apaludiron con ganas todas as barbaridades que saíron da boca do expresidente Rubiales no seu penúltimo acto como tal. Unha vergoña absoluta.

Probidade

Te puede interesar