O sábado pasado, día 12, asistín ao recital que Pilocha deu no teatro Colón coruñés, inaugurando o ciclo “Pioneirxs da música galega”, programado pola Deputación da Coruña que, segundo a información oficial consistirá nunha serie de concertos nos que se interpretarán os temas de álbums que “marcaron a historia recente da música galega e en galego”. Para o deputado Xurxo Couto, responsable da área de Cultura da institución provincial “é unha oportunidade histórica para recuperar, e mesmo coñecer, a música feita en galego na década de 1970, unha etapa crucial da nosa música e que, dalgún xeito, supuxo o cerne do gran momento musical que se está vivindo actualmente no país”. Por aí vai a cousa e paréceme interesante. Fun ao Colón co meu neto de 22 anos, que leva case catro na Universidade e que non coñecía a cantante viguesa. Gustou moito do concerto, mais podería non ter gustado e tampouco pasaría nada –o importante é que a xente nova, rapaces e rapazas que non naceran -e aínda tardarían en facelo– cando estes LPs viron a luz e tiveron certa presenza no mundo cultural galego, poidan escoitar de primeira man, en vivo e en directo, as músicas que acompañaron as vidas dos que xa temos unha idade e que gustamos de poder lembrar -sen miga de nostalxia, cando menos eu- e volver deleitarnos con elas. Non sei se agora o meu neto botará man do LP titulado Pilocha (1978), que pode atopar entre os meus discos, para volver escoitar os temas que ouviu no Colón e mesmo facer unha comparanza entre aquelas versións e as novas, as que agora nos presenta a artista residente en Lugo.
Nunha entrevista recente publicada en La Opinión, Pilocha dicíalle ao xornalista Enrique Carballo que a impresionara moito o descubrimento dun single de Miro Casabella, porque caera na conta de que “en Galicia tamén había poetas marabillosos que escribían en galego. E que non se reducía todo a unha Rosalía que nomeaban no instituto. Foi unha revelación auténtica. Descubrín un mundo novo”. É posible que ese descubrimento de novos poetas galegos pesase na elección dos temas que incluiu no seu primeiro álbum, ese co que con arranxos novos nos obsequiou o outro día. Cinco das dez cancións que recolle son de poetas coñecidos na altura. Hai están musicados os versos de Uxío Novoneyra, Celso Emilio, Pimentel xunto aos de Neira Vilas –moito menos coñecido como poeta que como narrador– ou aos de Farruco Sesto Novás, daquela xa residente en Venezuela, onde, como é sabido, foi un recoñecido arquitecto e ministro con Hugo Chávez. Aínda que Sesto era xa autor de catro libros de versos, polo feito de estaren editados en Venezuela –e mesmo un deles, UPG poemas (1973), asinado por Bárbaro Tomé–, era escasamente coñecido en Galicia. No LP figuran ademais “Cantiga do amor fendido”, unha fermosa composición de Antón Seoane –amigo dos anos ferroláns, que andaba daquela compoñendo para o disco Milladoiro, o cal lanzou con Rodrigo Romaní, no proprio 1978–, que a acompañou á guitarra na interpretación desta peza no teatro coruñés; un tema de Quintas Canella, “A miña amiga”, o Romance de don Sancho e dúas cancións moi populares: “O alecrín” e “O sancristán de Coímbra” de evidente xínea portuguesa. Non podo deixar de manifestar que gustei moito tamén do grupo que acompaña a cantante.
No remate de contas, ficará na memoria este concerto dunha primaveral tarde-noite de tolo inverno.