Pélets(illos) á mar

Xa temos aquí o que seu dou en chamar con certo eufemismo  Marea Branca lembrando o terrible desastre que supuxo o derrame de petróleo do Prestige que tinxiu de negro as costas da nosa terra no ano 2011. Desta volta son minúsculas partículas de plástico que invadiron os nosos mares causando  inquietude pola incerteza de ata que punto pode incidir o seu impacto no ecosistema e na saúde da xente. Que son?


Pequenas, moi pequenas, partículas duns cinco milímetros de diámetro derivadas do petróleo que unha vez fundidas empréganse para a fabricación de produtos de plástico aos que tan afeccionados somos os seres humanos. Moi difícil será erradicar o plástico cando tanto dependemos del. Semella estar claro que son fonte de contaminación, non son biodegradables e resulta moi difícil eliminalas, segundo din os que disto saben. Poden acumularse nos peixes e nos moluscos. Hoxe tocounos a nós pero hai décadas que agroman polos mares do planeta causando non poucos problemas para a súa erradicación. Causa estupor o xeito de xestionar o asunto pola administración galega, e aquí quería chegar eu, como se os administrados fósemos meniños de primaria, párvulos imberbes que tragamos con todo os que nos contan. ¿Pensaban estes xestores en exercicio que a cousa non se ía utilizar pola oposición para poñeren en evidencia aos autores de tanta babecada que escoitamos estes días? Se non fose así, estariamos pensando que son uns ilusos, abofé. Din  que non é para tanto pero ao mesmo tempo piden á administración do estado que proporcione catro barcos, un avión, dous helicópteros, sete lanchas e un robot submarino. Non quero imaxinar se pensaran que a cousa tivese importancia o que solicitarían. Tamén advirten que se por un casual, por erro, comemos un plástico, “por un lado entra e por outro sae”, así de simple e para que lle dar máis voltas, ou que tranquilos; con non comer o aparello dixestivo dos peixes, asunto arranxado. Mentres a vicepresidenta segunda afirmaba que os “pélets” non son tóxicos nin perigosos, vai  a Fiscalía e aprecia indicios de toxicidade. En que quedamos? E logo xurde un presidente dunha confraría da man do conselleiro do Mar e di tan tranquilo que: isto dos “pélets” en Galicia é como unha cagada dunha mosca nun campo de fútbol. Si señor, estas son perlas e non as de plástico! Con  esta información tan elaborada baseada en profundas reflexións non hai porque se preocupar: “Tranqui, “peña” e pélets (illos) á mar!  Aquí non pasa nada. Así, deste xeito tan didáctico e práctico é como se xestiona  o problema da Marea Branca. Algúns políticos e políticas xa apareceron nas praias a recoller unha a unha as perliñas da area; a se facer a foto e ¡a outra cousa bolboreta! ¡Votos son votos, que diantres, e a vivir que son dous días!.

Pélets(illos) á mar

Te puede interesar