Patriotismos

espois da vitoria de Xeorxia sobre Portugal, que lle permitiu clasificarse como terceira do seu grupo e pasar a disputar os oitavos de final da eurocopa de Alemania contra España, escoitámoslle dicir a Khvicha Kvaratskhelia, o excelente extremo do Nápoles e da selección xeorxiana, que ese era “o mellor día na vida dos xeorxianos”. Manda truco! Quero pensar que se tratou dunha hipérbole, expresada nun contexto de alegría, de moita alegría, de toda a do mundo, se quixermos, sen que teña algo que ver co real da realidade. É que se non só nos resta pensar que os kartveliáns teñen que estar o suficientemente mal para se conformar con tan pouca cousa. Non haberá en calquera parte do mundo un bo número de aconteceres que poidan facer bastante máis felices os habitantes dun territorio que unha vitoria futbolística? Estou convencido de que en Sakartvelo debe habelas e o dito por Kvara non pasou de ser unha frase acaída a un momento de euforia.


Kvaratskhelia e Mikautadze, o autor do segundo gol á selección portuguesa, son, curiosamente, da minoría de xogadores do equipo xeorxiano que non teñen apelido rematado en -shvili, tal como Luka Lochoshvili, Giorgi Tsitaishvili, Anzor Mekvabishvili, Giorgi Kochorashvili, Otar Kiteishvili, Zuriko Davitashvili e, como non, o capitán e excelente gardameta Giorgi Mamardashvili.


Como é sabido -shvili, quere dicir “fillo de” en xeorxiano, o mesmo que, a título de exemplo, vemos que acontece co -ic de Luka Modric, Bruno Petkovic ou Mateo Kovacic dos croatas ou o -ez/-es de Nuno Mendes, Matheus Nunes,  Bruno Fernandes Pedri González  ou Fermín López de españois, galegos ou portugueses e por aí nun lote de idiomas con cadanseu sufixo que indique procedencia familiar.


Xeorxiano era, como é sabido, o dirixente soviético coñecido como Stalin, quen tamén levaba o sufixo -shvili no seu apelido: Iósif Dzhugashvili.


Malia que, como xa teño dito noutras ocasións, o fútbol de seleccións non é, precisamente, o que máis me atrae, estou seguindo, mal que ben, a eurocopa, como adoito facer sempre que hai este tipo de campionatos futboleiros.


Se cadra, porque non acredito nos patriotismos en xeral e menos nos deportivos, sempre que vexo un espectáculo no que participan atletas ucraínos, amólame ver esas supostas mostras de patriotismo que pretenden transmitirnos, que, ao meu entender, son totalmente falsas.


Hai pouco máis dun mes, á vista do desenvolvemento da guerra, o goberno ucraíno ditou unha, moi polémica, nova lei de mobilización, co obxectivo de aumentar o número de soldados, por outro lado, cada vez máis vellos, xa cunha idade media de ao redor de 40 anos.


Os e as deportistas de todas as disciplinas, que podemos ver nos recintos deportivos ou nos nosos televisores, son xente nova en perfecto estado físico e, aparentemente (saen envoltos nas bandeiras), moi amantes da súa patria. Á vista diso non podo menos que preguntarme que fan xogando ao fútbol, saltando altura ou correndo 200 metros en vez de estar onde está a inmensa maioría da xente da súa idade. Entendo que a xente teña medo ou que non queira utilizar armas -é o meu caso-, mais no exército non todo é primeira liña de combate, hai outros moitos labores máis necesarios que o de disparar. Xa que logo, por que Dnon están alí? E que dicir dos milleiros de siareiros que vemos nas gradas?

Patriotismos

Te puede interesar