Pasabalabra (II)

A cotío adoito ver en Antena 3 TV este concurso, sobranceiro dende hai varios anos. Durante unha hora enteira, de luns a venres, entre as oito e as nove do serán, o seu presentador Roberto Leal e os seus invitados, deléitannos cos distintos xogos que constitúen o programa ata chegar ao chamado rosco final onde dous concursantes teñen que adiviñar vinte e cinco verbas cada un a partires dunha letra inicial e dunha pequena descrición.


Nestes intres os concursantes son: Orestes con máis de cen programas e moitas cadeiras azuis superadas e unha rapaza chamada Marian con menos de dez programas e varias cadeiras azuis. En xogo, moi preto do millón de euros.


O formato actual do concurso non está libre de críticas, sospeitas e mesmo acusacións de manipulación, no sentido de que as preguntas que se lle fan a Orestes son máis doadas que as correspondentes aos seus opoñentes. A cousa é tan fácil de manipular, como de solucionar.


A modificación que eu propoño dende este apunte é que, de agora en adiante, as preguntas, tanto do rosco final como da cadeira azul, gobernadas ante notario, sexan as mesmas para ambos concursantes. Con elo se eliminarían de raíz as sospeitas de favoritismo e o programa gañaría en interese resolvendo, por riba á dúbida que fica no ar: Cando un dos concursantes erra unha palabra, ¿sabería o outro a solución correcta?.


Que conste que eu non vou contra Orestes, que ten demostrado ser un gran concursante, pero hai un refrán que di “cando o río sona , auga leva”. Xa sabedes da miña afección polo refraneiro.


O cambio que estou a propoñer é lóxica pura e ben doado de establecer pois non require ningunha reforma substancial na estrutura do programa nin na súa duración. Polo menos, así mo parece a min. Estuden os rexedores as razóns e vantaxes da miña proposta e obren en consecuencia.


Cando estou a rematar a escritura destas liñas, doume conta de que xa falei deste xeito, na sección de opinión, hai algún tempo, concretamente o 14 de xuño do 2019 que, xa o dixo alguén, “¡o tempo pasa que é unha barbaridade¡“. Cousas dos anos e da memoria que se perde con eles. De calquera xeito, como non me fixeron moito caso entón e sigo convencido de que teño razón aquí vo-las deixo, erre que erre, por si é do voso interese, a súa publicación de novo no D.F. ¡A ver si desta volta!

Pasabalabra (II)

Te puede interesar