A parte polo todo

Hai poucos días, nun dos últimos partidos que vin na televisión do Barcelona, o comentarista chamoulle un lote de veces charrúa a Ronald Araújo, denominación que con moita frecuencia utilizan os comentaristas deportivos para se referir a xogadores uruguaios ou ás propias seleccións da República Oriental do Uruguai. Cando hai trinta e tal anos fun dar un curso de catro meses a Montevideo -a primeira vez que pisaba terras de América Latina- coñecín, entre outra xente, o Andrés, nado na capital mais con orixes italianas. Foi unha boa fonte de información de diferentes temas, entre eles o da matanza de indíxenas (charrúas) nas beiras da corrente de Salsipuedes -entre os departamentos de Tacuarembó e Río Negro-, na zona onde residía o presidente  Fructuoso Rivera, que tivo lugar o 11 de abril de 1831. Os dirixentes do, non había moito, territorio independizado de España convocaron os caciques a un encontro para debater asuntos de colaboración futura e cando os tiveron alí enganados embebedáronos e matáronos ou prendéronos. Ese día marcaría o xenocidio -palabra moi actual- do pobo charrúa, o fin das nacións indíxenas asociadas a un territorio co que comparte unha historia común. É por iso, que, poucas décadas despois, o escritor Juan Zorrilla de San Martín publicou o coñecido poema épico Tabaré (1888), onde narra a historia amorosa do charrúa cunha española en tempos da guerra nos finais do s. XVI. Favoreceron a extinción dos charrúas ao tempo que enalteceron as súas supostas virtudes (valor, forza, garra, orgullo...), que, ademais, fixeron propias e as aplicaron sistematicamente ás seleccións deportivas.

 

Charrúas non hai desde hai case dous séculos, mais os deportistas que representan o Uruguai conservan os rasgos que os caracterizaban.


Disto falábame Andrés, quen, por riba, tivo a ben obsequiarme co seu libro de historia do Uruguai da secundaria para que comezara a familiarizarme con ela. Conservo a man ese libro. Como non. E o bo recordo de Andrés, traballador nunha fábrica de cervexa. Verdadeiramente, non lle vexo a Araújo tipoloxía indíxena de ningún tipo, como tampouco, a outros excelentes xogadores uruguaios que xogaron na liga española como Ruben Sosa, Pandiani ou Luís Suárez.


Sen saírmos do mundo do fútbol, ou o deporte en xeral, observamos como non é infrecuente denominar carioca un club ou un xogador brasileiro, mesmo que non teña nada que ver co Rio de Xaneiro. 
Chamarlle carioca a un natural ou veciño de San Paulo é como chamarlle picheleiro ou cascarilleiro a un ourensán, xa que ningún dos termos se refere aos galegos en xeral, senón aos santiagueses ou coruñeses, respectivamente. Do mesmo xeito que carioca tampouco se refere a calquera brasileiro ou brasileira, só ás do Río.


No mundo da música tamén atopamos innúmeras xeralizacións dese tipo, que se ben non son mentiras de todo, tampouco chegan a ser verdades.

A parte polo todo

Te puede interesar