Panorama político actual

Teñen razón os analistas por se queixar do deficiente panorama que a situación política presenta no Estado Español, pola continua liorta entre partidos e, mesmo entre os integrantes de cada partido. No caso do PP, semella que a desfeita vaise amañar coa incorporación do Sr. Feijóo, mais paréceme que o éxito está a lle nubrar os miolos ao ex-presidente galego, de seu un home que semella moi equilibrado, malia caer nalgún pequeno “fallo”, como identificar Galicia co PP e consigo mesmo, imitando a aquel rei francés, que dixo aquilo de: “O Estado son eu”. E seica está a perder unha cualidade moi galega que é, a de pensar mal; porque é normal, que na oposición dos de acó estean moi ledos pola súa marcha, mais tanto apoio dos peixes gordos do seu partido, tería que cheirarlle mal. Semella como nunha asociación de veciños, na que todos animan ao máis parvo para presidente: “vai ti, que vales moito”. Eu non lle desexo mal a don Alberte, pero coido que, máis pronto que tarde, vai caer vítima dunha chea de cambadelas; a primeira xa lla puxeron, ou non? Eu non quero acertar, pero pensar, penso mal.

Panorama político actual

Te puede interesar