Pacto social e novo reaxuste

Malia que o aumento salarial no que vai de ano na Galiza     (3,79%) supera a media do Estado español (2,56%) fica por detrás do medre do IPC no noso país no ano 2021 (6,7%), máxime cando a no mes de xullo o aumento anual do IPC atinxía o 11,5%. Polo tanto no mellor dos escenarios para a clase traballadora implica unha perda do poder adquisitivo. Un escenario moi negativo se temos en consideración que o aumentos de prezos abranguen esencialmente á enerxía, transporte, alimentos e vivenda, que teñen unha maior incidencia na cesta básica das familias con menores ingresos (baixos salarios, desemprego...). 
 

O medre da inflación é anterior á guerra na Ucraína, xa que xurde por mor do menor consumo na pandemia e o recuar do investimento na produción de enerxía, e os desaxustes entre demanda e oferta en certas materias primas e produtos elaborados. Ao que se suma, posteriormente, as sancións impostas a Rusia (máis as que xa había para outros países) que mesmo terminaron por causar un efecto búmerang sobre as potencias impulsoras. A todo isto cómpre sumar a agudización da crise climática, e a pretensión dos Estados Unidos de ignorar un mundo multipolar, apostando por repetir a experiencia dos dous bloques, nos que eles quedarían co anaco máis grande, e esperando que o tempo repetise a experiencia da caída da Unión Soviética.
 

Fronte a esta problemática, a proposta dos governos na Unión Europea é un pacto social, ou sexa, un acordo no que os/as asalariados asuman a maior parte do custe da crise do modelo, orixinada esencialmente polo novo reparto na cadea de valor entre os países exportadores e importadores de enerxía (e a extrema concentración do capital). Porén, non se pode esquecer que os pactos sociais anteriores terminaron reducindo a parte no PIB que correspondía á clase traballadora. Ou sexa, ampliaron a desigualdade nos ingresos, malia a redución do desemprego, daquela que se valore que se pode ter unha situación de fraxilidade aínda traballando. Unha responsabilidade que atinxe de cheo ás centrais sindicais que os asinaron (CCOO, UGT) así como aos governos que os impulsaron. 
 

Non se trata de que non se busque un acordo que marque as porcentaxes mínimas de recuperación da capacidade adquisitiva dos salarios, senón de que isto é imposíbel de lograr se estas negociacións non están acompañadas dunha forte e sostida  mobilización laboral, e se non participan todas as centrais sindicais “mais representativas” (entre as que están a CIG e ELA-STV). Tamén sería  positivo potenciar a negociación colectiva e aumentar o salario mínimo, cando menos no IPC actual.

Pacto social e novo reaxuste

Te puede interesar