A “Nova Actualidade”

O estado de guerra en que se atopan diversas zonas do Planeta fai me lembrar unha das miñas “visión” publicadas neste xornal en Maio do 2011 co título “O vento”, inspirada nunha canción de Bob Dylan, aquel home extraordinario, músico e poeta, que cinco anos despois ía ser premiado co Nobel da Literatura. E tendo en conta a situación actual, véxome inducido a sinalar algúns dos parágrafos daquel comentario, por exemplo, dicía o cantor:


“Eu non sei ... canto tempo seguirán a voar as balas dos canóns ...  nin cantos mares deberá cruzar a pomba da paz ... tampouco podo imaxinar cantas mortes hai que aturar...  ou cantas veces imos virar a cabeza e pechar os ollos para non ver tanta destrución, tanto desastre. Dicía o poeta/cantor que as respostas a estas preguntas  viñan no sopro do vento”.


Mais coido que o vento destes días, igual que nos tempos de hai máis de vinte anos, só trae novas doutras guerras e xenocidios provocados ás veces por diferenzas relixiosas ou estimuladas pola ansia de poder e os descarados intereses económicos e que nos obrigan a matinar na mesma pregunta unha e outra vez: ¿ata cando? Pero se tentásemos atopar as respostas na furia do vendaval, escoitaríamolo dicir: “non me culpedes a min da vosa cobiza, da vosa soberbia, dos vosos desatinos”; e outras veces, no lene sopro da brisa poderíamos escoitar co corazón, que non cos oídos, un suave canto de esperanza: “algún día…algún día…”. Algún día si, pero mentres, ¿non hai nada que facer máis que esperar? ¿Imos seguir virando a cabeza, pechando o corazón, os ollos e os oídos?


Semella que aquela “Visión” miña está agora de rabiosa actualidade. Non é?

A “Nova Actualidade”

Te puede interesar