Ninguén sabe nada

En 2018, esborrallouse o peirao de madeira das Avenidas de Vigo durante un dos concertos do festival O Marisquiño, centos de persoas resultaron feridas e moitas, no medio do enorme caos, caeron ao mar.


As autoridades declararon a guerra entre si e, segundo as cores, distribuíronse por bandos para esquivar o vulto, para arredar as responsabilidades, nun intento inxusto de culpar aos outros, para que a súa carteira de votantes non se minorara, para que as raiolas de luz alumearan a súa cor e escureceran a cor dos outros. Unha guerra de cores e de mandos en loita, mentres a mocidade afectada e vítima buscaba acubillo nos hospitais das proximidades.


Esborrallouse a pouca industria que quedaba. Pecháronse as portas do traballo á mocidade con formación e cualificación, arrasouse aos sectores produtivos, queimáronse os montes cada ano, comezou a quentar o sol ou a chover a destempo e, na Galicia rural, a xente que non marchou, morreu pouco despois ou antes de construír o tanatorio municipal. Os tanatorios son os negocios que quedan, recantos de formigón armado para chorar nas despedidas e acompañar aos mortos que van para cinza ou para a terra.


No inverno, esborrallouse a estrada principal do Courel e, nestes días, unha autovía, unha das que une a Galicia coa Meseta, e ninguén sabe nada. Que pasaría? Poido ser por mor da salitre, polos efectos do zoar do aire mollado, polas deficiencias na estrutura. Quen sabe? A autovía alá vai, como un enorme paso para atrás e todos, todos calados. Temos unha Galicia incomunicada, con vías derrubadas, tres aeroportos convertidos en centros comercias e aparcadoiros de pago, adxudicados ou alugados. Temos moito que facer e non avanzamos.


Os mariñeiros do Villa de Pitanxo están no fondo do mar calados, mortos e atados aos arames do barco naufragado. As familias tropezan coas portas fechadas e non teñen a ninguén que lles diga nada.


O Goberno anda ao seu e tan calado. Alá lonxe, no fondo do océano xélido, sen poder fuxir da traxedia, están os mariñeiros afogados e moi recordados.


Caeu o palco do festival Son do Camiño e ninguén sabe nada. A desfeita deste país vello e fermoso hai que parala ou refreala. Como di a Tía Manuela, “o peor, o que máis lles manca é o do Depor. A afección vai por un camiño, a realidade por outro e eles, polo seu”.

Ninguén sabe nada

Te puede interesar