Na procura da utopía

Por pura definición a utopía ven ser o sistema ideal no que se concibe unha sociedade xusta e perfecta, sen conflitos , en harmonía. Dito así poderiamos concluír que estamos moi lonxe de alcanzala. Grandes próceres  na historia tentaron iren por ese camiño pero atoparon tantos atrancos que a esta alturas, nos tempos  que vivimos, estamos nas mesmas: buscando unha utopía que como tal é inalcanzable. Un bo amigo meu dicía que para el houbo na historia tres personaxes utópicos: un, independentemente de crenzas relixiosas, foi Xesús, outro Sigmund Freud e o terceiro Carlos Marx, con teorías que puideron cambiar o rumbo dos acontecementos  pero houbo intereses en que non fose así, conxunturas que teñen moito que ver con iso de que uns poucos manexan o devir de moitos e que hai persoas que non están dispostas a  viviren  nunha sociedade xusta e sen conflitos. Poderíamos recorrer a uns exemplos coa nosa Constitución na man: Aí van algunhas utopías: todo español ten dereito a un traballo , todos temos dereito a unha vivenda, todos os cidadáns somos iguais diante da Lei e... así poderíamos seguir na lectura dos dereitos na nosa Carta Magna para ver que son prerrogativas que moitos non acadan,  un papel mollado encharcado acotío  por aqueles que deberan velar polo seu cumprimento. En definitiva, rematamos por asumir que camiñar cara á utopía  é unha utopía en si mesma.


Houbo un tempo  que España ía polo camiño de ser unha nación exemplar pero chegaron algúns e deron un golpe de estado argumentando defender unha serie de valores cando na realidade defendían uns axiomas moi concisos e particulares. Aquel golpe de estado dou lugar a unha guerra civil onde saíron a relucir os comportamentos máis abxectos do ser humano e a sede de sangue era o “pan noso” de cada día, onde se matou no nome de Deus, dese Deus misericordioso aos que tantos sediciosos falsamente idolatraban. Aquilo foi todo un pesadelo do que aínda hoxe tratamos de recuperarmos, pero malia que se deron pasos cara a esa reparación, o soño dunha sociedade sen conflitos  nunha convivencia en harmonía, segue sendo arestora unha utopía. Primeiro, din algúns, hai que pechar as feridas. Vale, pero para pechar unha ferida denantes de nada hai que desinfectala, quitándolle as bacterias que provocan a contaminación, para que cicatrice. Feito isto  comprobaremos  como a ferida pouco a pouco encoira e a partires de aí poderemos seguir cara adiante. Pero camiñar pola senda da utopía sempre será positivo malia que saibamos de antemán que non chegaremos a ela. O importante é facer camiño ao andar, como dicía o poeta, porque cada paso que damos acortamos o traxecto. Vaiamos pois avanzando na procura da utopía.

Na procura da utopía

Te puede interesar