A morte dun papa

Evidentemente, cando isto acontece prodúcese unha certa conmoción na comunidade católica do mundo, moitos millóns de persoas. Claro que tamén hai prelados, cregos e xente en xeral disposta a poñer en cuestión a un pontífice a pouco que se saia das liñas tradicionais trazadas pola institución milenaria que é a igrexa católica.


Houbo un tipo moi “perigoso” chamado Xesús de Nazaret ao que se lle deu por defender a causa dos menos favorecidos, resultando un elemento antisistema, polo que foi detido, torturado e asasinado. E a partires de aí nace todo isto. Claro que aqueles postulados foron cambiando, e non a mellor precisamente, e hoxe a Igrexa oficial vaticana é unha institución opulenta e poderosa máis ben afastada daquel concepto humanista que lle dera o seu fundador e os seus primeiros apóstolos. Hai honrosas excepcións, por suposto.


E eu, como cidadán de a pé, teño unhas preguntas respecto á influenza que as opinións do papa poden teren sobre os que realmente deciden. Cren que o feito de escribir sobre o cambio climático pode facer que aqueles dirixentes dos países que máis inciden negativamente nese cambio vaian cambiar de posición? Cren, por exemplo, que Netanyahu, logo de escoitar dicir ao papa que o que está sucedendo en Gaza é o máis parecido a un xenocidio, vai cambiar de actitude? Cren que Donald Trump vai cambiar de opinión respecto aos migrantes logo de que o papa dixera que as deportacións “magoan a dignidade”? Cada cal pode pór a resposta que crea conveniente, pero seguramente coincidirán en que as opinións do papa son declaracións simbólicas de boas intencións, piadosas e humanitarias, pero que non teñen incidencia algunha para que os que provocan os males que nos afectan cambien e se corrixan. Estamos diante da figura de alguén que opina sobre as cousas terreais pero non goberna agás no que atinxe aos asuntos da igrexa católica en cuxo colectivo tamén tiña o papa Francisco detractores, aqueles partidarios acérrimos do inmobilismo e das tradicionais pompas que rodean á curia vaticana.


Ao novo papa vano elixir os cardeais electores. Da súa decisión sairá o novo príncipe da Igrexa. A saber que directrices tomará, porque os camiños polos que transita a curia son inescrutables, pero seguro que en nada ou case nada influirán no devir deste mundo que hoxe semella patas arriba. Seguirán as guerras, o odio ao diferente, as deportacións, o nulo papel da muller no organigrama da institución machista por excelencia que é a igrexa católica, etc. Os cambios aquí son para que todo siga igual, sexa cal sexa o novo soberano pontífice. Así foi e así seguirá sendo.

A morte dun papa

Te puede interesar