Agora que tanto se fala da Constitución, ocórreseme que A Carta Magna ou Lei de Leis, que tamén así se lle chama, é como unha especie de muro de contención que se fai nun talude de terreo, para protexelo da erosión causada pola chuvia e o vento.
Xa que logo, ese muro (a Constitución) haberá que facelo coa inclinación debida para mellorar a estabilidade e, pedra a pedra (Normas e Leis), de xeito que cada unha encaixe coa anterior, eliminando “aristas” prexudiciais, (interpretacións sesgadas), para evitar gretas polas que poidan colarse elementos nocivos (intereses espurios).
Unha condición esencial para a consistencia do muro será, a non utilización de elementos estraños na cohesión das pezas, se non que estas deberán ir profundamente incrustadas na terra (o Pobo) que rodeará o conxunto, absorbéndoo e integrándose nel como unha soa unidade, dándolle consistencia para soportar todos os embates e inclemencias dos axentes externos (os intereses políticos, económicos e de calquera outro tipo, que se manteñen na sombra).