Como non podía ser doutra maneira, na maña do pasado mércores, con vento e auga a mares, achegueime á que chaman cidade do apóstolo para estar presente no “Acto académico celebrado na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela co gallo de nonaxésimo quinto aniversario de Xesús Alonso Montero, catedrático emérito da Minerva compostelá, 29 de novembro de 2023, ás 12 horas da mañá”, tal e como se di no folleto, repartido aos asistentes, que contén o programa e mais o guión, textos e notas da lección impartida polo homenaxeado: “Sobre a polifacética e dinamica personalidade intelectual do profesor progresista Alfredo de la Iglesia (A Coruña 1871—1933) cunha incursión especial no texto e nas notas (sociolingüísticas) do seu inédito Resumen de Historia de la Literatura Gallega (1919), o primeiro manual da materia ad usum scholarum, explicado polo seu autor nas aulas do Instituto de Pontevedra tamén nos anos da Ditadura de Primo de Rivera”. Creo que non son para nada hiperbólico se cualifico a intervención do profesor Alonso Montero de maxistral, unha das pezas de oratoria máis brillantes que lle teño escoitado, e abofé que son abondas as veces que o teño ouvido falar. Quen o escoitase, sen coñecelo, diría que acaba de cumprir 95 anos? Penso que ninguén. Máxime tendo en conta as circunstancias emocionais inherentes ao acto, que se fixeron patentes no recordatorio do fillo Emilio, “que leva un tempo durmindo fóra”, nas súas palabras. Dura experiencia ten que ser a perda dun fillo. Nunca poderei —nin quero— esquecer aquel “E o día máis triste da miña vida”, que, cando morreu miña mai, me dixo o meu nonaxenario avó Santiago no seu galego mugardés, ben conservado malia os máis de 30 anos de emigración cubana.
A emoción do recordo embargouno un moi breve momento, mais, de camiño, tras lle botar unha olladela á ínfima chuleta da que adoita acompañarse nas súas intervencións públicas, retomou o excelso ton oratorio do que estaba facendo gala.
Para min, que botei moitas horas da miña vida na compaña do inmenso legado dos irmáns Antonio e Francisco de la Iglesia depositado no arquivo da Real Academia Galega —mesmo cando esta tiña a sede no Pazo Municipal coruñés— foi unha auténtica regalía escoitar ao doutor Alonso Montero falar con paixón da vida e da obra de Alfredo de la Iglesia, un dos fillos de don Francisco.
De volta para a casa, coa satisfacción de ter estado nun fermoso acto, mentres conducía pola autoestrada —cada día máis perigosa que cara, que xa é dicir— viña pensando que en poucos días haberá nada menos que 55 anos que tiven o inmenso pracer —así o recordo— de coñecer persoalmente a Xesús Alonso. Foi en decembro de 1968, no Círculo das Artes de Lugo, con ocasión dun recital de Voces Ceibes —colectivo musical do que foi un dos máximos promotores, como se recordou na homenaxe de Filoloxía— no que interviñeran Vicente Araguas, Benedicto García, Guillermo Rojo, Xoán Rubia e Xavier del Valle.
Daquela a hoxe son moitas as cousas que me foron unindo a Xesús, unha das persoas que máis quero no mundo. Todas inesquecibles, sen dúbida. Mais hai un detalle que particularmente me emocionou —e me emociona recordalo—: a interpretación da Internacional coa que me obsequiou, aos postres dun xantar dun reducido número de amigos, como agasallo pola miña xubilación. Quedei sen palabras. Graciñas por todo, camarada. Salutem plurimam e que cante o galo.