Manuel Vilariño, no Museo de Belas Artes

Manuel Vilariño (A Coruña, 1952) foi Premio Nacional de Fotografía, no ano 2007 e representou a España na 52 Bienal de Venecia. Poeta e fotógrafo, no ano 2012 publicou en Espiral Maior o libro “Ruinas ao despertar”, un título que revela ese lado desacougante de todo o seu quefacer e que agora podemos seguir na obra exposta no Museo de Belas Artes, que leva o título de “After The Whale” , traducible por “Tra-la balea” ou  “En busca da balea”. A elección do título, pode ter relación coa experiencia que tivo no porto de Caneliñas, onde puido ver un pequeno baleato ainda vivo no ventre dunha balea esnaquizada.Esta impactante visión,  según confesa, marcou a súa traxectoria artística, na que o mundo animal ten un protagonismo importante. Andar agora na percura da balea é un xeito metafórico e simbólico de aludir a esa eterna búsqueda ontolóxica na que o ser humán, e o artista mui especialmente, anda embarcado. É inevitable que pensemos na aventura do capitán Acab perseguindo a Moby Dick, a cuxo autor, Melville, fai por certo alusión, na vitrina na que expón libros alusivos a lendas e fábulas da mar, como o de Cunqueiro. 
 

Manuel Vilariño, coas súas imaxes, abéiranos deses territorios oceánicos, desa inmensidade cósmica e abraiante, na que se sinten latexar indomeabeis forzas escuras, achéganos ao branco silencio dos enormes icebergs do polo ártico; ou enfróntanos cos impoñentes farallons negros das nosas costas erosionados pola intemperie, o que fala das poderosas forzas destructoras do universo. Hai nel un sentimento de participación activa con esas enerxías tremendas, como cantou nos versos “Yo en el océano/ yo en el frío”, onde expresa  o seu abraio de criatura humana diante do inconmesurable.  A vida e a morte van sempre da man e non podía faltar ese dameiro no que alternan as cuadrículas de lousas terrosas coas cuadrículas con caveiras;  tamén hai unha vitrina na que recolle testemuñas de vida fosilizada; e, co tríptico “Señal en el aire” (ano 2002) que representa un enorme atadillo de osos, seguramente fémures, compón unha visión, que se podería comparar co “Sic transit gloria mundi” do barroco e cos cadros de Valdés Leal. 
 

Como xa dixemos noutra ocasión, os seus mares están feitos para singraduras do espíritu e para esas íntimas odiseas silenciosas, nas que quizais non sexa posible arribar a Itaca, como Ulises, porque se trata da viaxe da vida que só remata coa morte .Fillo do Finis Terrae, como todos nos, leva no peito a chamada do alén e a saudade do canto das orixes, que ilustra, neste caso, coa música de “Ile de feu”, interpretada ao piano por Hiwot Vilariño e que é unha peza de Takemitsu inspirada en Messiaen. Retratador de bestas, por un lado, i evocador de lonxanías e misterios, por outro, o seu traballo e as criaturas e espazos que nel retrata nacen –segundo di– “da reflexión filosófica, da exploración da natureza do obxecto e do osario dos seus soños”. Exercicio que poderíamos calificar de indagación metafísica encol da realidade.

Manuel Vilariño, no Museo de Belas Artes

Te puede interesar