O Congreso dos deputados é a cámara onde sentan os representantes elixidos por sufraxio universal polo pobo que se di soberano. Ata aí todo normal dentro do sistema que denominamos democrático. O problema vén cando os representantes electos non están á altura das circunstancias e isto preséntase con máis frecuencia da desexada o que deixa ao persoal francamente desazado e moitas veces farto do que se desprende dese foro politicamente representativo.
Na sesión dos mércores de control ao Goberno un remata canso de tanto balbordo dialéctico sobre asuntos que pouco ou nada repercuten en mellorar a vida da cidadanía. Pódese inquirir ao Goberno que o faga mellor, pero para oso non fai falta insultar, denigrar ao opoñente político deixando de lado o que realmente importa á cidadanía. Non pretendo dicir que o tema da esposa do presidente do Goberno ou o do noivo de Isabel Ayuso por exemplo, sexan nimiedades, non, nada máis lonxe da realidade pero dentro do contexto dos problemas que afectan directamente á cidadanía como os prezos e alugueiro das vivendas, o emprego, o índice da pobreza, os prezos dos alimentos, os abusos da banca e os oligopolios, a sanidade, a ensinanza...todo apunta a que as falcatrúas de familia, son asuntos importantes, si, pero temas menores . Hai agora unha palabra imperante no contexto político que é corrupción que anega os telexornais e ocupa espazo importante nos periódicos e na radio. Neste río revolto todos móllanse e acúsanse mutuamente de seren corruptos tratando ao tempo de dar leccións de honestidade e de impoluto comportamento, como facía a señora Gamarra hai uns días diante dos medios acusando ao presidente do Goberno de ser número un nisto da corrupción, ela que pertence a un partido que non é un exemplo precisamente de bo comportamento na praxe de gobernar “con luz e taquígrafos”. Da a sensación que están máis preocupados en derrubar ao goberno poñendo por diante os intereses do partido as necesidades da cidadanía. Non temos unha oposición con sentido de Estado e así estamos vendo o espectáculo que se monta no Parlamento no que saen a relucir os insultos máis ofensivos sen que haxa ningunha proposta que poda ir encamiñada a que as cousas do común melloren, que para iso están os políticos. Polo que se ve semella que a oposición vive só e exclusivamente para oporse e non para acordar iniciativas, discutilas si pero sen que o insulto sexa o principal argumento. Así será moi traballoso chegarmos as solucións dos problemas que maiormente nos afectan, abofé.