Xavier Seoane, para quen subscribe esta columna, é o poeta máis importante da Galicia actual. O seu libro, arriba enunciado, resulta ser un ensaio en defensa da poesía como instrumento de progreso, formadora de espíritos críticos fronte ás banalidades, imposturas e manipulacións da verdade.
Os verdadeiros poderes sempre usaron a súa riqueza para que houbera escritores, relixiosos, pintores, arquitectos, músicos e escultores que exaltaran a súa posición na sociedade. Un xeito de asegurar e edulcorar a súa hexemonía económica e política, convertida en ideoloxía.
Así, sen pudor, resucítase a ETA, ou afírmase que a recente lei da vivenda aséntase nos mortos do Hipercor de 1987. Tamén acúsase ás esquerdas de dar subvencións por non traballar cando en Galicia é a Xunta que as xestiona ou apóianse en telepredicadores integristas que orientan a súa congregación para que voten de “xeito adecuado”.
O asunto é recuperar o verdadeiro significado das palabras. Saber que a arte cambia e mellora a nosa vida e que pertence a toda a sociedade. Que fronte os discursos do odio está a verdade que fai libre ás persoas. Temos os mesmos dereitos e obrigacións, e o noso esforzo é quen debe conducir a nosa vida.